A Cidade da Cultura despide o próximo domingo a instalación inmersiva ‘Hábitats’ con preto de 10.000 visitantes e coas entradas esgotadas desde marzo

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude avanza novas aventuras dixitais na Cidade da Cultura para 2025 tras o éxito desta pioneira experiencia

Máis de 2.000 estudantes dos centros de ensino de Galicia visitaron de maneira gratuíta a instalación desde a súa apertura no mes de decembro

A mostra, pensada para todos os públicos a partir dos 9 anos, emprega a tecnoloxía para sensibilizar sobre a necesidade de preservar a biodiversidade do planeta

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2024 A instalación inmersiva Hábitats. Natureza estendida pecha as súas portas na Cidade da Cultura o vindeiro 19 de maio cun éxito total de público. Preto de 10.000 persoas de todas as idades achegáronse a explorar coas lentes de realidade virtual os diferentes ecosistemas, animais e plantas desta aventura dixital que esgotou as entradas dispoñibles xa no pasado mes de marzo.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, subliñou a excelente acollida desta mostra, pioneira en Galicia tanto polo emprego da tecnoloxía como pola súa concepción desde a sostibilidade e os valores de cultura inclusiva. “É por iso que na Cidade da Cultura están xa a traballar en novas experiencias dixitais que o público poderá gozar en 2025”, avanzou durante unha visita á instalación no Museo Centro Gaiás. Unha liña de actuación que busca ampliar a oferta de contidos culturais vencellados ás novas tecnoloxías, e que impulsará tamén o futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia en construción no Gaiás.

Dirixida polo artista visual Carlos Seijo, Hábitats. Natureza estendida combina arte e tecnoloxía ao servizo dun relato que promove a descuberta da biodiversidade e a responsabilidade á hora de relacionarnos co medio ambiente. Un dos seus maiores atractivos é poder interactuar de maneira directa cos animais e plantas virtuais que poboan o Museo Centro Gaiás, como baleas, elefantes, acacias, focas ou tartarugas, entre outras moitas.

As lentes de realidade mixta que se usan durante a experiencia permiten ver en todo o momento o mundo físico, e sobre el as capas virtuais que emerxen ao tocar coas mans as esferas luminosas que sinalan cada ecosistema. Tamén a natureza recreada acéndese desde o interior e faise translúcida, mostrándose fermosa e vulnerable para espertar a empatía das persoas visitantes.

Visitas escolares

Ademais das visitas regulares a Hábitats, máis de 2.000 estudantes dos centros de ensino galegos exploraron sen custo a instalación desde a súa apertura o pasado mes de decembro. Para o alumnado, a viaxe polos cinco continentes que propón Hábitats ofreceulles a oportunidade de aprender, a través de mecánicas de xogo e exploración, sobre a importancia da biodiversidade e as complexas relacións que se establecen entre as diferentes especies.

Os nove escenarios de Hábitats representan outros tanto ecosistemas do planeta: as zonas húmidas de Xochimilko en México, a selva amazónica do Perú, o deserto de Sonora nos Estados Unidos, o mar de Weddel na Antártida, a Cova de Ceza no Courel, a sabana en Kenia, os areais da reserva de Ras Al Jin en Omán, a Gran Barreira de Coral australiana e os fondos oceánicos.

Cada visita ten unha duración de 40 minutos, durante os cales é posible explorar de maneira libre os diferentes escenarios, coa guía dunha voz en off (en galego, castelán e inglés) que vai revelando detalles e información de interese sobre as especies animais e vexetais que se atopan en cada ecosistema. Para acceder Hábitats. Natureza estendida o único requisito é ter cumpridos os 9 anos de idade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2024