A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe a actuación realizada na praza da Oliva e nas rúas do recinto murado

A Xunta investiu máis de 600.000 € nas obras de humanización da fortaleza de Salvaterra de Miño

Os traballos foron financiados a través dun convenio co Concello ao abeiro do Plan Hurbe, no que a Dirección Xeral de Urbanismo asumiu o 60% do investimento e a Axencia Galega de Turismo o 40%

Martínez Allegue subliña a posta en valor da Fortaleza a través desta actuación, que mellora as infraestruturas e a accesibilidade desta contorna e con elas a calidade de vida da veciñanza “e constitúen un revulsivo para este atractivo patrimonial e turístico de Salvaterra”

Salvaterra, 10 de maio de 2024

A Xunta investiu 612.000€ nas obras de humanización na Fortaleza de Salvaterra de Miño, actuación que hoxe visitou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á alcaldesa Marta Valcárcel. Os traballos foron financiados a través dun convenio co Concello financiado ao abeiro do Plan Hurbe, coa aportación do 59,1% do investimento por parte da Dirección Xeral de Urbanismo e o restante 40,8% pola Axencia de Turismo de Galicia.

A conselleira subliñou a completa actuación realizada que, segundo destacou, pon en valor este recinto coa mellora das infraestruturas e a accesibilidade, “melloran a calidade de vida da veciñanza e constitúen tamén un revulsivo para este importante atractivo patrimonial e turístico de Salvaterra”.

En concreto, neste proxecto actuouse na humanización da praza da Oliva e rúas do recinto murado de Salvaterra de Miño, con traballos de repavimentación, a revisión de infraestruturas urbanísticas, o soterrado de redes e a dotación de novas infraestruturas, iluminación ou mobiliario.

Martínez Allegue destacou que a través do Plan Hurbe o Concello de Salvaterra tamén financiara con anterioridade a rehabilitación interior do antigo edificio do Concello como biblioteca municipal, cun investimento de máis de 300.000€.

Desde o 2020 investíronse 17,1M€ en máis de oitenta actuacións en Galicia ao abeiro do citado Plan Hurbe, das que dez se desenvolveron na provincia de Pontevedra. En concreto, estes últimos proxectos sumaron 4,7M€ e realizáronse, ademais de Salvaterra de Miño, en Mos, A Estrada, Arbo, Covelo e O Porriño.

Por outra banda, a conselleira anunciou novos investimentos da Xunta en Salvaterra de Miño, como a mellora da Rúa Miño, que conecta a ponte internacional e a estrada PO-510, que se licitará no vindeiro mes de xuño por un orzamento de 420.000€. Así mesmo, encargouse a redacción do proxecto para o reforzo do firme dun treito da PO-399 (estrada de Cabreira). “Seguiremos apostando por estes proxectos e pola vertebración do territorio para mellorar a calidade de vida dos galegos -sinalou a conselleira-, en colaboración cos concellos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024