A Xunta estrea en Hijos de Rivera un ciclo de xornadas sobre as boas prácticas en responsabilidade social para atraer talento e xerar oportunidades laborais

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na primeira das catro xornadas programadas este mes para estudantes universitarios, na que puxo en valor o compromiso das firmas galegas coa sustentabilidade

Destacou o papel referente de Galicia co impulso da Responsabilidade Social Empresarial e polos criterios medioambientais para favorecer a competitividade do seu tecido produtivo

As xornadas porán en valor o impacto positivo destes compromisos en firmas galegas como Hijos de Rivera, Profand, Nauterra ou ASM Lab

A Coruña, 10 de maio de 2024.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no museo MEGA Estrella Galicia na estrea do ciclo de xornadas As tendencias ASG e desenvolvemento do talento: aprendendo de referentes en impacto positivo, promovidas pola Xunta de Galicia para sensibilizar a mozos en formación das oportunidades laborais asociadas aos compromisos coa sustentabilidade e a responsabilidade social das empresas. 

Fernández puxo en valor esta iniciativa enmarcada na Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) 2023-2025 de Galicia que, con 174,7M€ de orzamento está a preparar a Galicia para os retos da economía sustentable e dixitalizada. 

O secretario xeral defendeu a introdución dos valores e principios da responsabilidade social empresarial na axenda das empresas galegas como mecanismos necesarios para impulsar a súa competitividade, produtividade e crecemento. 

Para axudalas, o Goberno galego ofrece un marco de referencia catalizador para que todos aqueles axentes públicos e privados que queiran avanzar nun exercicio voluntario de maior responsabilidade social. 

A Estratexia comprende 25 accións enmarcadas no eido da empresa, a sociedade e a Administración pública. Pretende, entre outros fins, transformar os modelos de negocio das empresas para que teñan máis oportunidades na economía que vén; apoiar ás empresas para mellorar os seus sistemas de transparencia e atraer e desenvolver talento favorecendo contornas de traballo inclusivas e con solucións innovadoras de impacto social e/ou ambiental. 

O ciclo que hoxe se estrea insírese nestes obxectivos, co gallo de sensiblizar aos estudantes acerca da nova realidade e darlles acceso a espazos de comunicación e acceder a boas prácticas que lles poden brindar máis e mellores oportunidades laborais. 

Tras o seu estreo hoxe na Coruña, celebraranse xornadas semellantes este mes en Profand, en Vilagarcía (13 de maio); en Nauterra, en Carballo (16 de maio) e en AMS Lab, en Lugo (23 de maio). 

O secretario xeral destacou que a comunidade galega quere seguir a situarse á vangarda da promoción da Responsabilidade Social Empresarial entre o seu tecido produtivo e asociativo, na Administración e para o conxunto da sociedade. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024