A delegada da Xunta na Coruña visitou hoxe a casa niño Garatuxa en Frades

Belén do Campo informa que nuns días abrirase a nova convocatoria para crear oito novas casas niño que aumentará ata os 111 o número de centros en Galicia

Financiaranse con 800.000 euros as obras de adecuación e o funcionamento dos novos centros

Inclúese unha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o tempo que dure a baixa de maternidade ou paternidade da encargada do servizo

Frades (A Coruña), 9 de maio de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Frades, Roberto Rey, valorou hoxe como moi positivo o balance das casas niño, un servizo pioneiro que Galicia comezou a implantar hai oito anos e que está a ser imitado por outras comunidades autónomas. Fíxoo na visita á casa niño Garatuxa, unha das tres creadas no Concello de Frades, e na que lembrou que nuns días abrirase unha nova convocatoria para a posta en marcha de oito novos centros deste tipo, que aumentará ata os 111 os existentes en Galicia.

A delegada lembrou que recentemente se aprobou un investimento de 800.000 euros para financiar as obras de adecuación e o funcionamento das novas casas. Ademais, e como novidade, a convocatoria deste ano inclúe unha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o tempo que dure a baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo. Esta axuda é para todas as casas niño, tanto as que se creen ao abeiro desta convocatoria como as que xa están en funcionamento.

Galicia rematará este ano con 111 casas niño. Concretamente, nas comarcas da Coruña, Barbanza, Santiago e Costa da Morte-Bergantiños están operativas neste momento 13 casas niño nos concellos de Frades (3), Dumbría, Irixoa, Toques, Vilasantar, Aranga, Paderne, Vilarmaior (2) e Santiso (2).

Durante a súa visita Belén do Campo fixo fincapé nas moitas vantaxes que se derivan da posta en marcha destas instalacións. Por unha parte, axudan a fixar poboación, ao dar opcións de conciliación tamén nos concellos máis pequenos e facelos, así, máis atractivos; ao tempo que xeran postos de traballo dos profesionais que as xestionan. “Queremos que a xente quede a vivir nos concellos do rural”, sinalou a delegada, quen asegurou que, para iso, cómpre apostar por ofrecer “servizos de primeira categoría” en todo o territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2024