A Xunta promove a conservación e a remuda da olería tradicional de Buño

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse ata a Casa do Oleiro para coñecer os resultados do curso de formación ‘Formas tradicionais da olería de Buño’ impartido dende finais de ano por Antonio Pereira ‘O Rulo’

O curso enmárcase no proxecto ‘Aprender da Tradición. Oficios e técnicas’, impulsado pola Xunta en 2023 para conservar e renovar técnicas e oficios tradicionais co gallo de mellorar a capacitación dos artesáns galegos e de captar novos talentos para o sector

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 9 de maio de 2024

A Xunta continúa coa súa aposta pola transmisión xeracional nos oficios artesanais máis tradicionais de Galicia a través da posta en marcha do programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas. Esta iniciativa destínase a conservar e a renovar técnicas e oficios tradicionais co obxectivo de mellorar a capacitación dos artesáns galegos e de captar novos talentos para o sector.  A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse nos últimos días ata a Casa do Oleiro en Buño, no concello coruñés de Malpica, onde se desenvolveu un destes cursos.

 

Desde o seu inicio a finais de 2023 e a través da Fundación Artesanía de Galicia, téñense impulsado un total de 12 cursos de formación especializados en ourivería compostelá, no tecido tradicional, na olería de Buño, na patronaxe, na xastrería, na marroquinería e na tapicería tradicional.  

 

De entre eles, o curso dedicado ás Formas tradicionais da olería de Buño foi un dos máis intensos, xa que se desenvolveu dende o 4 de decembro ata este mes de abril, impartido por Antonio Pereira O Rulo, un referente na olería desta localidade, que é un dos catro centros de olería tradicional aínda activos en Galicia e o que conta cun maior número de oleiros profesionais. O obxectivo desta formación, na que participaron tanto oleiros profesionais como novos talentos, era transmitir e recuperar as técnicas empregadas na elaboración das distintas tipoloxías das pezas tradicionais da olería de Buño, atendendo á súa diversidade de formas, tamaños e remates (bordes, riscos, vivos, espitados, asas...).

 

Precisamente unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía é preservar o patrimonio cultural e promover o desenvolvemento económico e a sustentabilidade de oficios, técnicas e coñecementos ancestrais transmitíndollelos ás xeracións futuras.

 

Os obxectivos específicos do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas son capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos, facilitar a formación de novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas, fomentar a comercialización de produtos elaborados por artesáns locais e sensibilizar a comunidade sobre a importancia da conservación dos oficios tradicionais.

 

Neste ano 2024, está previsto incrementar o número de actividades formativas especializadas en técnicas tradicionais vinculadas a diferentes oficios co obxectivo de ampliar o abano de oficios tradicionais nos que asegurar a remuda xeracional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2024