A Xunta convoca catro cursos básicos de auxiliares de policía local que suman 240 prazas

Segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, desenvolveranse de xeito presencial na Academia Galega de Seguridade Pública a partir de finais de maio

Na actualidade estase a desenvolver o proceso selectivo unitario que permitirá cubrir 127 prazas de auxiliar de policía local en 32 concellos

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de catro cursos básicos de auxiliares de policía local que se realizarán na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) a partir de finais de maio con 60 prazas cada un deles. As accións formativas están dirixidas ao persoal seleccionado polos concellos para prestar este servizo de xeito temporal, ao que forma parte do proceso selectivo unitario que desenvolve a Agasp en colaboración coas administracións locais e ao integrante da lista de contratación creada no marco de procesos selectivos anteriores.

As sesións realizaranse ao longo de tres xornadas de xeito presencial entre o 27 de maio e o 12 de xuño. Os contidos previstos abordarán a intervención policial, o tráfico e a seguridade viaria, a policía administrativa, os primeiros auxilios e as aplicacións policiais básicas do Dereito Penal e Procesual-Penal. A programación inclúe tamén as relacións coa cidadanía, así como o protocolo e saúdo.

Os concellos interesados en que o seu persoal auxiliar de policía local reciba esta formación deberán remitirlle á Agasp o escrito de solicitude de reserva de praza a partir de mañá. O alumnado procedente do proceso selectivo unitario será inscrito automaticamente pola academia.

Cómpre lembrar que na actualidade se está a desenvolver o proceso selectivo unitario que permitirá cubrir 127 prazas de auxiliar de policía local en 32 concellos galegos, no que se inscribiron máis de 600 persoas aspirantes. Así tras as probas de avaliación de coñecementos e de lingua galega, este sábado terá lugar en Santiago a de aptitude física con exercicios de potencia de tren inferior con salto e vertical e de resistencia cunha carreira de 1.000 metros lisos.

Acordo cos concellos para a selección

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local, a través dun convenio de colaboración. Na actualidade, 92 concellos teñen acordos vixentes para delegar no Goberno galego, a través da Agasp, a selección e formación dos membros do seu cadro de persoal de policía local mediante as convocatorias de procesos selectivos. Supón máis do 72% dos 127 municipios con corpo de policía local.

As oposicións convocadas no período 2018-2023 permitiron cubrir máis de 1.400 prazas en distintos municipios: 726 de auxiliares de policía local, 607 da categoría de policía, 57 de oficial, 15 de inspector, 2 de inspector principal, e 2 de vixiantes.

A Agasp é o centro de referencia na formación das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos, así como doutras forzas e corpos de seguridade en Galicia e dos servizos de emerxencias, con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.

Data de actualización: 08/05/2024