A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou co alcalde, Jorge Cubela, a nova senda que vén de entrar en servizo

Cerdedo-Cotobade completa a humanización da travesía de Tenorio, que sumou un investimento total de 1,3 M€

Co novo itinerario peonil, de 600 metros, a veciñanza xa pode percorrer 2,1 quilómetros de forma segura e accesible na zona dos principais equipamentos de Tenorio

Cerdedo-Cotobade, 7 de maio de 2024

Cerdedo-Cotobade vén de estrear a nova senda peonil de Tenorio, que se estende ao longo de 600 metros e supuxo un investimento de 440.000 euros, financiados pola Xunta (70%) e polo Concello (30%). A conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde deste municipio, Jorge Cubela, visitaron hoxe esta actuación, que completa a humanización levada a cabo na travesía que atravesa Tenorio ao longo de 2,1 quilómetros nos que se habilita un itinerario peonil seguro. En total, o viario recibiu un investimento de 1,3M€.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe a colaboración entre a Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade para levar a cabo a nova actuación, que permite á veciñanza deste municipio dispoñer xa dunha mobilidade peonil segura e accesible ao longo de toda a vía, na que se sitúan os principais puntos de referencia desta parroquia: o mosteiro, o centro de saúde, o centro sociocultural e diferentes establecementos comerciais.

“Apostamos -incidiu Martínez Allegue- por estas sendas seguras, que proporcionan un espazo separado para peóns e supoñen unha alternativa de mobilidade máis sostible. Con estas actuacións seguimos a amosar a nosa forte aposta pola sostibilidade e a seguridade e por fomentar hábitos máis saudables para as persoas a través de infraestruturas de calidade”.

Os traballos executados incluíron a demolición das beirarrúas anteriores para a súa substitución por outras máis anchas e accesibles, ademais da mellora da iluminación e o soterramento de parte das conducións aéreas, a instalación de pasos de peóns iluminados e a mellora das redes de saneamento e pluviais.

Esta nova actuación conxunta entre a administración autonómica e a local dá continuidade á anterior actuación de humanización levada a cabo neste viario en 2021, grazas a un investimento de 800.000 euros. A intervención executada entón abrangueu un treito de 1,5 quilómetros nos que se dotou máis espazo para camiñar, con beirarrúas o dobre de anchas e con bordo de protección, ademais de nova iluminación máis eficiente e tamén sinalización luminosa nos pasos de peóns.

A conselleira lembrou que a Xunta leva xa máis de 300 quilómetros executados de sendas en vías autonómicas en Galicia dende 2016 e a previsión é investir outros 35 M€ en novos itinerarios peonís e ciclistas nesta lexislatura. A previsión é manter o ritmo de execución en torno a 40 km de sendas ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2024