A Xunta investirá máis de 1,8 millóns de euros na adquisición e posta en marcha dun novo equipamento de resonancia magnética para o hospital de Conxo

O novo equipamento contará cun importe de licitación de 1.476.200 euros e permitirá mellorar os diagnósticos e seguimento dos pacientes oncolóxicos, así como os estudos e imaxes vinculadas ao músculo esquelético

Previa a instalación do equipamento de resonancia, a Xunta executará as obras de acondicionamento que require a sala na que se emprazará, que suporán un investimento de 383.270 euros 

A nova resonancia magnética permitirá ampliar nun 20% o número de probas anuais, superando así as 5.000 resonancias ao ano

Prevese que o novo equipamento estea instalado no hospital antes de que remate o ano

Conxo (A Coruña), 6 de maio de 2024

O Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe da Consellería de Sanidade relativo á renovación dun equipamento de resonancia magnética con destino ao Hospital Médico-cirúrxico de Conxo. A actuación de adquisición do equipamento e acondicionamento do espazo necesario suporá, no seu conxunto, un investimento da Xunta de 1.859.470 euros.

En concreto, o novo equipamento será licitado por importe de 1.476.200 euros, ao que hai que engadirlle unha partida de 383.270 euros, necesaria para executar as obras precisas para a súa instalación. 

Con este expediente, a Xunta continúa a avanzar no plan de renovación e modernización do equipamento nos centros sanitarios co obxectivo de optimizar a calidade asistencial que o Servizo Galego de Saúde lle ofrece á poboación galega. 

A nova resonancia magnética realizará todo tipo de exploracións rutineiras aos pacientes Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, malia que se centrará fundamentalmente no diagnóstico e seguimento oncolóxico e nas exploracións vinculadas ao músculo esquelético. 

O equipamento está situado dentro da banda tecnolóxica avanzada, ao contar cunha intensidade de campo de 1,5 teslas e dotado coas ferramentas máis avanzadas baseadas en intelixencia artificial-, para acadar uns estudos e unhas imaxes con maior rapidez e resolución. 

Estímase que o número de estudos anuais que se poderán facer con este novo equipamento superará a cifra das 5.000 ao ano ou, dito doutro xeito, posibilitará incrementar o número de probas anuais nun 20%, en comparación co equipamento que posúe actualmente o hospital de Conxo.

Como paso previo á instalación do equipamento será preciso realizar unha obra de acondicionamento na sala de resonancia magnética do Servizo de Radiodiagnóstico do centro hospitalario. Ese espazo está situado no andar -1 do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo e conta cunha superficie total de 155,13 m².  

A actuación que se vai realizar, polo tanto, implicará a adaptación do espazo existente na actualidade, para dar resposta ás prescricións técnicas recollidas no proxecto técnico. 

A previsión é que o novo equipamento estea instalado no hospital antes de que remate o ano. 

Data de actualización: 06/05/2024