A Xunta reforza a súa aposta por Navalia a través do sector naval galego con encontros coas delegacións internacionais e visitas a empresas de Vigo

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, mantivo este luns unha reunión co director executivo da feira viguesa que se celebrará do 21 ao 23 de maio

O evento contará cunha xornada de difusión e networking entre empresas, así como unha misión inversa que permitirá a visita de firmas de dez países do mundo

Vigo, 6 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, confirmou este luns ao director executivo de Navalia, Javier Arnau, o compromiso do Goberno galego, a través da Asociación Cluster do Naval Galego (Aclunaga), coa feira que celebrará a súa novena edición no Ifevi do 21 ao 23 de maio. Durante o encontro celebrado na sede da Delegación da Xunta en Vigo, a representante autonómica coñeceu as últimas novidades da cita de referencia para a industria naval galega.

“A Xunta estará de novo reforzando un evento que serve como escaparate para mostrar ao mundo o potencial do naval galego e que xa está consolidado como a primeira feira destas características en España e no sur de Europa”, sinalou Ortiz. A delegada indicou que mediante Aclunaga haberá un importante encontro coas delegacións internacionais, especialmente as chegadas desde América e o resto de Europa, así como a denominada misión inversa, na que se realizan visitas a empresas do naval e estaleiros.

Así, a Aclunaga Summit contará cunha xornada de difusión e networking entre empresas do sector, na que se organizarán presentacións sobre as temáticas de dixitalización sectorial e proxectos de innovación. Os delegados invitados participarán tamén nun encontro onde unhas 200 persoas interrelacionaranse cos conferenciantes.

Ademais, coincidindo coa celebración de Navalia e como parte do plan de internacionalización do sector naval que se está a levar a cabo a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), organizarase unha misión inversa de empresas de diversos países do mundo (Bélxica, Bulgaria, Arxentina, Uruguai, Noruega, Turquía, Canadá, Australia, Filipinas e Indonesia). Na devandita misión prevese a participación dunhas 10 empresas dos países citados, todos eles países onde Aclunaga xa levou a cabo accións de promoción e vendas.

Igualmente, Navalia contará de novo cun stand da Consellería do Mar, unha das poucas institucións que ten presenza na feira desde o seu nacemento en 2006, como un dos píares fundamentais do sector naval a través da pesca. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/05/2024