O Museo do Mar de Galicia ofrece unha experiencia pictórica e audiovisual mergullando o espectador nun Bosque de Laminarias

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á apertura deste proxecto interdisciplinar, aberto ata o 30 de xuño, e que procura concienciar da importancia da conservación mariña

Vigo, 4 de maio de 2024

O Museo do Mar de Galicia acolle desde hoxe, e ata o 30 de xuño, a exposición Os bosques de laminarias, da viguesa Elena Alonso, na que se mestura a arte con outras disciplinas para pór en valor un dos coñecidos ecosistemas das costas galegas, á vez que concienciar sobre a súa protección e conservación.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á apertura desta mostra na que, ademais de elementos audiovisuais, poderán verse as luminosas pinturas desta artista, as cales cobrarán vida grazas á tecnoloxía, e do que poderán ser testemuñas todos os visitantes a través dos seus dispositivos móbiles.

Os bosques de laminarias, que xa se ten exhibido en Berlín ou nas Galápados, é un proxecto interdisciplinar levado a cabo en Galicia, co seu foco principal na Ría de Vigo. Seguindo a súa idea dun retrato baseado na participación, Elena Alonso traballou con biólogos mariños e comunidades costeiras que estiveron en contacto directo con estas algas durante décadas.

Con axuda dun sensor submarino, a artista rexistrou os movementos das algas durante dous meses. Utilizando os seus cadros como punto de partida, empregou a codificación creativa para xerar animacións determinadas directamente polos movementos das algas, que agora poden experimentarse en realidade aumentada (RA) en calquera dispositivo móbil fronte aos cadros.

O proxecto pretende dar visibilidade a este importante ecosistema galego, analizar as ameazas ás que se enfrontan actualmente as laminarias tanto a nivel local como global, así como espertar a conciencia sobre a importancia da conservación mariña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2024