A Xunta incide na fidelización e dinamización do comercio local coa súa participación na ‘Shopping Fest Ourense Centro’

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na inauguración desta xornada celebrada nos xardíns Padre Feijoo de Ourense polo Centro Comercial Aberto Ourense Centro

Anunciou que en datas próximas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración activará unha nova edición da orde de axudas a centros comerciais abertos que estará dotada con 2,2 millóns de euros

Ourense, 3 de maio de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén,  participou hoxe na inauguración da Shopping Fest Ourense Centro, unha iniciativa promovida polo Centro Comercial Aberto Ourense Centro nos Xardíns Padre Feijoo de Ourense para dinamizar a actividade comercial da cidade, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

O representante autonómico destacou o compromiso da Xunta coa innovación e a dixitalización do sector retallista e para avanzar na fidelización da súa clientela con medidas como a 5ª edición do Bono Activa Comercio que vén de esgotarse en tempo récord, tendo permitido a galegas e galegos acceder a descontos por valor de 2,5 millóns de euros.

Na mesma liña, avanzou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración activará en datas próximas unha nova convocatoria para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia por importe de 2,2 millóns de euros. Grazas ás achegas desta orde, poden acceder a apoios para campañas de dinamización, de fidelización da clientela, de dixitalización ou para o mantemento da unidade xerencial.

Nos últimos sete anos, o Centro Comercial Aberto Ourense Centro recibiu axudas por importe superior aos 330.000 euros para seguir a desenvolver o seu obxectivo de impulsar os negocios de proximidade.

Entre os proxectos máis inmediatos, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración traballa tamén no deseño dun plan estratéxico para o comercio, no que está a implicar a todas as entidades, avanzou Alén. Tamén está avanzado o Mapa do Comercio de Galicia, un espazo que reunirá o sector, con información detallada dos establecementos e a súa xeolocalización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2024