A Xunta inicia a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes da estrada autonómica LU-862 ao seu paso polos concellos de Viveiro e Xove

Tamén continuarán as intervencións en marcha en distintas estradas das provincias de Lugo, de Ourense e de Pontevedra

Estas tarefas forman parte do contrato con Seaga para o control da biomasa das marxes das vías da Xunta, cun investimento de case 3 M€ en dous anos

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2024

A Xunta inicia a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes da estrada autonómica LU-862, ao seu paso polos concellos de Viveiro e Xove.

Tamén continuarán as actuacións que xa están en marcha na provincia de Lugo nas vías de altas prestacións CG-2.1 ao paso polos municipios de Monforte de Lemos, Pantón e O Saviñao; na CG-2.2, no Páramo e Sarria; e na CG-2.3, en Viveiro e en Xove. Tamén proseguirán as actuación na VG 2.1, en Monforte de Lemos.

Na provincia de Ourense continuarán as intervencións en marcha na estrada OU-504 nos concellos do Carballiño e Ribadavia, e na OU-540, en Ourense e Lobios.

No caso da provincia de Pontevedra proseguirán as intervencións nas marxes da vía de altas prestacións VG-4.6, que comunica Cangas e Bueu; e na CG-4.1, que une os municipios de Moaña e Cangas; e na autovía AG-4.6, que tamén comunica Moaña e Cangas.

Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2024