A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora da estrada OU-212 no treito interurbano do concello de Beariz e na travesía de Liñares, en Avión

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio deste trámite, así como os bens, dereitos e propietarios afectados desta actuación de mellora da seguridade viaria, que suporá un investimento de máis de 1,3 M€

Trátase dunha 1ª fase de acondicionamento do tramo de algo máis de 6 quilómetros desta vía autonómica que resta por optimizar, entre o centro urbano de Beariz e o desvío ao núcleo do Couso

No treito interurbano de Beariz ampliarase a plataforma da vía ata os 7 metros entre a capitalidade do concello e o quilómetro 7+350, punto no que se aumentará o radio da curva de 30 a 50 metros

No municipio de Avión humanizarase a travesía de Liñares, coa renovación das beirarrúas para unha maior accesibilidade, xunto co firme da calzada

O proxecto inclúe, ademais, a renovación da capa de rodaxe en dous tramos da estrada OU-212 en Avión para dar homoxeneidade á actuación

As persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto por un prazo de 30 días hábiles, a contar desde mañá

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2024

A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora da estrada autonómica OU-212, no seu percorrido polo treito interurbano do concello de Beariz, e na travesía de Liñares, no municipio de Avión.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio do inicio do trámite de información pública necesario para executar esta obra de mellora da seguridade viaria nesta vía autonómica, á que a Xunta destinará un investimento estimado de máis de 1,3M€.

En concreto, esta actuación correspóndese coa 1ª fase de acondicionamento do tramo de algo máis de 6 quilómetros desta vía autonómica, entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo do Couso, no quilómetro 12+620. No seu conxunto, a actuación suporá un investimento total de 3,85 M€.

Co procedemento que hoxe anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización desta actuación.

Cómpre lembrar que as persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto, por un prazo de 30 días hábiles, a contar desde mañá.

No seguinte enlace pódese ampliar esta información publicada no DOG de hoxe: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240503/AnuncioG0181-220424-0001_gl.html

A previsión da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é aprobar o proxecto no outono, para a finais de ano realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras no primeiro trimestre de 2025. O prazo para a realización dos traballos é de 14 meses.

O proxecto

Nesta 1ª fase de acondicionamento, as obras de mellora da estrada no treito interurbano de Beariz consistirán na rectificación da curva do quilómetro 7+350, aumentando o radio de 30 a 50 metros; e na mellora do firme e ampliación da plataforma ata os 7 metros entre a capitalidade do concello e a curva do quilómetro 7+350. Neste tramo, actualmente a OU-212 é unha estrada convencional sen beiravía, con dous carrís por sentido de 3 metros de anchura cada un, nunha contorna interurbana.

A actuación no treito da vía ao paso polo municipio de Avión céntrase na travesía de Liñares, que vai do quilómetro 8+760 ao 9+610, e será humanizada Neste treito manterase, en xeral, a distribución da sección actual, pero buscando como obxectivo básico a integración da vía na contorna urbana de Liñares, recuperando a súa identidade urbana e priorizando a figura do peón.

En toda a lonxitude da travesía construiranse beirarrúas e bandas de aparcamento a un mesmo nivel, cun cambio no acabado do pavimento e separación por bordo de 10 centímetros de anchura. Este deseño facilita que toda esta superficie poida ser utilizada polos peóns, tamén as bandas de aparcadoiro cando estas non estean ocupadas por vehículos.

Ademais, o bordo que separará estas zonas da beirarrúa e o aparcadoiro da calzada elévase unicamente 2 centímetros sobre a rodadura, continuando así coa percepción dun espazo onde o peón cobra maior importancia.

En dúas zonas concretas, do quilómetro 8+925 ao 8+950 e do 9+200 ao 9+255, unifícase o pavimento de toda a sección, creando unha plataforma compartida con prioridade peonil ante a escasa anchura das beirarrúas actuais.

A actuación incluirá outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da sinalización, adecuándoa ao novo deseño da vía.

Tamén, froito das reunións mantidas cos responsables dos concellos durante a planificación e redacción do proxecto, inclúese nesta intervención a renovación da capa de rodaxe de dous tramos da OU-212, para dar homoxeneidade á actuación, entre os puntos quilométricos 10 e 11 e entre os quilómetros 15 e 15+500, dentro do termo municipal de Avión.

O Goberno galego continúa traballando para darlle continuidade ás sucesivas melloras levadas a cabo nos últimos anos nesta vía autonómica, que une a N-541 na Ermida coa OU-504 en Beade, e que é o principal acceso ás capitalidades dos concellos de Avión, melloras nas que a Xunta leva investido un total de 6,8 M€.

Data de actualización: 03/05/2024