A Xunta destinará case 70.000 € ao deseño e elaboración de material divulgativo para protexer os valores da Rede de parques naturais de Galicia

O servizo, que acaba de licitarse, busca sensibilizar aos visitantes sobre a riqueza e a biodiversidade destes espazos na busca dun equilibrio entre uso público e conservación

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2024

A Xunta destinará case 70.000 euros, IVE incluído, a contratar o deseño, a elaboración de contidos e a distribución de diferente material divulgativo que contribúa á sensibilización sobre o patrimonio natural e a biodiversidade que caracterizan a Rede de parques naturais de Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático acaba de licitar o contrato para facerse cargo deste servizo, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas por medios electrónicos ata o vindeiro 14 de maio.

Cunha extensión global de 49.121 hectáreas, a Rede de parques naturais de Galicia está integrada por seis espazos que, ademais de pertencer á Rede Natura 2000, recibiron no seu día a cualificación de parque natural, unha figura que ten entre as súas principais finalidades a de facilitar a entrada dos visitantes coas limitacións necesarias para garantir a protección dos principais valores que albergan.

Co fin de buscar un equilibrio entre o uso público destes espazos naturais e a súa imprescindible conservación e tendo en conta tamén o aumento que está a experimentar o turismo de natureza nos últimos anos, considerárase necesario promover e divulgar os seus valores mediante a edición e impresión da información máis relevante que deben coñecer todas as persoas visitantes, poñéndoa ao seu alcance, ademais, dunha forma ordenada e compatible cos obxectivos de conservación.

Os traballos consistirán na actualización da información existente e na posta en valor do patrimonio localizado dentro dos espazos englobados na categoría de parque natural en Galicia: Monte Aloia, Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra e Fragas do Eume.

Para facilitar a execución das tarefas incluídas no contrato, optouse por dividilo en cinco lotes, sen que a mesma empresa poida resultar adxudicataria de máis de dous lotes. O prazo para a execución dos traballos unha vez resolta a licitación será de seis meses.

Data de actualización: 04/05/2024