A Xunta respalda con preto de 116.000 euros a actividade deportiva de máis de 80 clubes de Ferrolterra

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse recentemente coa directiva e xogadoras do club Valdetires Ferrol de fútbol sala feminino, unha das entidades beneficiarias destas axudas da Secretaría xeral para o Deporte

Ferrol, 3 de maio de 2024

A Xunta apoia este ano con preto de 116.000 euros a actividade deportiva dun total de 81 clubs e asociacións deportivas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse recentemente coa directiva e xogadoras do club Valdetires Ferrol de fútbol sala feminino, unha das entidades beneficiarias desta orde de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte.

En concreto, o club recibiu unha axuda de algo máis de 2.000 euros para sufragar a actividade do primeiro equipo que actualmente compite en Segunda División Nacional. 

A delegada territorial aproveitou a visita para poñer en valor o traballo de clubs da talla do Valdetires con máis de 40 anos de historia as súas costas e a necesidade de que dende as administracións locais se apoie a súa actividade. 

Esta convocatoria de axudas está dirixida a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas. Conta cun orzamento de 2 M€ e permitirá apoiar a máis de 1.300 entidades de toda Galicia.

Aneiros destacou que, como novidade desta convocatoria, poderanse realizar pagos anticipados co 80% da subvención concedida de modo que a Xunta facilita así aos clubs a financiación da actividade xa realizada en 2023 e aos NADE a do ano en curso, “e permite reducir ás asociacións deportivas a súa incerteza orzamentaria este 2024”.

Os clubs dispoñen ata o 22 de maio para presentar as solicitudes de abono e a documentación xustificativa. No caso dos NADE, o prazo esténdese ata o 30 de novembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2024