Rueda visita o Centro Galego de Comodoro Rivadavia na súa viaxe por Arxentina

Salienta que a entidade conte cun museo sobre a emigración, fundamental para entender a historia de Galicia

Comodoro Rivadavia (A Arxentina), 3 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou onte o Centro Galego de Comodoro Rivadavia, un lugar de encontro para a colectividade galega que leva activo desde hai máis dun século. Durante o encontro, resaltou o gran labor que centros coma este realizan desde hai décadas para difundir a lingua e cultura galegas por todo o mundo e, salientou que, neste caso, a entidade conte cun museo sobre a emigración, fundamental para entender a historia de Galicia.

Na visita, na que estivo acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o titular do Goberno galego trasladou o apoio da Xunta a todos aqueles galegos do exterior que desexen volver a Galicia a través da Estratexia Retorna, coa que se pretende facilitar o regreso de 30.000 persoas ata 2026, e que inclúe un cento de medidas coma asesoramento personalizado aos retornados sobre emprego, vivenda e educación.

Visita ‘Atlántico 1’

O presidente da Xunta tamén aproveitou a tarde de onte para visitar o barco Atlántico 1 da empresa Pesquera Deseado, logo de visitar tamén as instalacións de Conarpesa, Iberconsa e Estrella Patagónica, compañías pesqueiras de capital galego que contan coas súas sedes na Patagonia.

Uns encontros que responden á defensa do Goberno galego da importancia social e económica destas empresas, “fundamentais na economía desta provincia de Chubut, tal e como me comentaba o gobernador”, asegurou Rueda, ao mesmo tempo que comprometeu as máximas facilidades para que sigan xerando riqueza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2024