O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música, Iván Estévez, asinaron o novo convenio de colaboración para 2024

A Xunta incrementa ata os 200.000 euros o seu apoio ás bandas de música populares para recuperar o concurso CreaSons e os encontros sinfónicos

O Goberno galego aumenta nun 42% a contía destinada a este colectivo co obxectivo de continuar a promover a música bandística 

O acordo inclúe a continuidade do Certame Galego de Bandas, que será este ano en Pontevedra, do Concurso Galego de Composición e do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música (FGBM), Iván Estévez, asinaron hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o novo convenio de colaboración entre as dúas entidades, a través do que a Xunta incrementa ata os 200.000 euros a súa achega para reforzar as actividades deste colectivo. A dotación deste ano, que supón un incremento do 42% respecto a 2023, permitirá a celebración de novas actividades, como recuperar o concurso CreaSons e levar a cabo dous encontros das súas bandas sinfónicas, ademais de garantir a continuidade do Certame Galego de Bandas, do Concurso Galego de Composición, que acadarán candansúa 17ª edición, e o Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, que cumprirá a súa sétima convocatoria.

Co CreaSons 2024 retomarase o proxecto Innova, que xa se desenvolvera en anos anteriores co obxectivo de estimular iniciativas que exploren novos escenarios musicais para a fusión con outras manifestacións artísticas (música tradicional, teatro, danza, maxia…) e que teñan un impacto social positivo a través da accesibilidade ou a integración. O proxecto que obteña a mellor puntuación actuará na xornada previa ao XVII Certame Galego de Bandas de Música, que será este ano en Pontevedra, e que se trata doutra das actividades contempladas no convenio rubricado.

Á programación apoiada súmase o XVII Concurso Galego de Composición, ao que poderán concorrer partituras orixinais e inéditas que versen sobre temática galega. O certame establece cinco categorías en función do grao de dificultade, duración da peza e cadro de instrumentistas. As obras premiadas e finalistas terán a posibilidade de ser obras obrigadas no Certame Galego de Bandas e poderán ser estreadas en concertos das agrupacións da Federación ou por outras bandas de recoñecido prestixio.

Propiciar o intercambio entre novas xeracións de músicos

Tamén se inclúe no marco deste acordo a sétima edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís que se desenvolverá na Cidade da Cultura a mediados do mes xullo, e no que participarán as seccións infantís e xuvenís de bandas de música federadas de Galicia, divididas en tres categorías determinadas polo número de compoñentes co que participen. Entre os obxectivos do encontro están potenciar a arte musical entre a poboación máis nova, impulsar a visibilidade das seccións infantís e xuvenís das bandas galegas, fomentar o encontro entre as novas xeracións de intérpretes e crear sinerxías de colaboración entre as agrupacións para enriquecer a formación musical de rapaces e rapazas.

Ademais, a Federación, a través das súas dúas formacións de referencia, a Banda Sinfónica Galega e a Banda Sinfónica Xuvenil Galega, programará nos meses de xullo, para a Xuvenil, e de agosto, para a Sinfónica Galega, dous encontros de varios días de duración dedicados á formación nas distintas especialidades instrumentais. No caso da Sinfónica Xuvenil este encontro será combinando os ensaios con actividades máis lúdicas que fomenten a conexión entre mocidade con intereses musicais semellantes.

Para a sinatura deste convenio, que se xestionará a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, tívose en conta o carácter específico das actuacións propostas, o alto grao de representatividade da FGBM, que asocia e representa a máis de 94 formacións, 6321 instrumentistas e 7114 alumnos e alumnas das catro provincias galegas; o seu carácter como única entidade aglutinadora do sector bandístico galego no seu conxunto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2024