O DOG publica a contratación por réxime de concerto social do funcionamento do Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto da Coruña

O Goberno galego investirá 615.000 euros anuais ata 2028 na atención a adolescentes que cumpren medidas xudiciais en réxime aberto

Trátase dun incremento medio anual do 15% con respecto á situación actual, o que permitirá reforzar este servizo

Concertarase cunha entidade social a xestión deste servizo, que ten como obxectivo a reinserción destes mozos e evitar a reincidencia

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a contratación por réxime de concerto social do funcionamento do Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto (Ciema) da provincia da Coruña. O Goberno galego investirá 615.000 euros ao ano ata 2028 nos programas deste centro para favorecer a reintegración social de adolescentes que cumpren medidas xudiciais sen privación de liberdade.

Esta contía supón un incremento medio anual do 15% con respecto á situación actual, o que permitirá reforzar este servizo. O ano pasado este centro atendeu a máis de 300 menores de idade que estaban nesta situación. Concertarase cunha entidade social a xestión deste servizo, que ten como obxectivo a reinserción destes mozos e evitar a reincidencia.

Galicia conta con cinco Ciemas situados nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Neles préstase atención a adolescentes que están a cumprir  medidas impostas polos xulgados en réxime aberto. Desde setembro do ano pasado todos son xestionados por entidades sociais a través de concertos, agás o da Coruña, para o que se aprobou hoxe a súa convocatoria.

Reeducación e inserción social

As actuacións que se realizan nos Ciemas están orientadas cara á reeducación dos menores infractores, para o que se teñen en conta as súas circunstancias persoais, familiares e sociais. Os profesionais destes centros perseguen a reinserción dos menores para o que traballan con eles na adquisición das habilidades sociais, laborais e educativas necesarias para a súa integración social, así como para evitar a reincidencia e a exclusión social.

Data de actualización: 02/05/2024