A Xunta convida ás empresas a investir en seguridade industrial para protexer as persoas traballadoras e limitar os riscos de danos materiais

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, clausurou un encontro sobre a xestión do risco na industria da reciclaxe organizado pola Fundación Inade e a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais

A Administración autonómica traballa na posta en marcha do Consello Galego de Seguridade Industrial

Un dos seus cometidos será articular medidas para abondar na prevención e a limitación de riscos nas instalacións, o que repercutirá na mellora dos contratos de aseguramento, así como na formación e concienciación

Mos (Pontevedra), 30 de abril de 2024

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, clausurou hoxe en Mos unha xornada sobre a xestión do risco na industria da reciclaxe, organizada pola Fundación Inade e a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais (Aproema).

Na súa intervención, o secretario xeral, que puxo en valor as empresas de reciclaxe e xestión de residuos como pezas clave na economía circular, convidou ás empresas a investir en seguridade industrial para minimizar riscos e protexer as persoas traballadoras e as súas instalacións, facilitando así mesmo a mellora dos contratos coas compañías aseguradoras.

Do mesmo xeito, cómpre lembrar que a Administración autonómica traballa na posta en marcha do Consello Galego de Seguridade Industrial. Un dos seus obxectivos será continuar avanzando na prevención e a limitación de riscos nas instalacións, o que repercutirá na mellora dos contratos de aseguramentos, así como na formación e concienciación.

Data de actualización: 30/04/2024