A Xunta salienta a importancia das feiras tradicionais para potenciar o sector agrogandeiro galego

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta mañá á feira das Quendas 2024, que se celebra cada primeiro de maio na localidade lucense de Mondoñedo

Gómez fixo entrega de dous galardóns no concurso de gando, onde puxo de relevo a importancia destes eventos, que se configuran como escaparates ideais para exaltar o sector primario galego

A titular de Medio Rural salientou a “aposta firme e consolidada” coa que conta o Goberno autonómico neste eido e destacou as diferentes estratexias sectoriais postas en marcha pola Xunta para apoiar estes sectores

 Lembrou tamén as distintas liñas de achegas que se canalizan cara este eido, facendo unha mención especial ás axudas para plans de mellora e incorporación de mozos ao agro, cuxa convocatoria para 2024 contou cun orzamento de 47 millóns de euros

Mondoñedo (Lugo), 1 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta mañá á feira das Quendas 2024, que se celebra cada primeiro de maio na localidade lucense de Mondoñedo. Alí, fixo entrega de dous premios do concurso de gando. Neste acto, Gómez trasladou a súa felicitación aos galardoados, nas categorías de maior número de cabezas de gando cabalar e mellor poldro no 2024, e puxo de relevo a importancia que teñen os eventos destas características, que se configuran como escaparates ideais para exaltar os produtos tradicionais, as razas autóctonas e o sector primario galego. 

Neste sentido, María José Gómez salientou a “aposta firme e consolidada” coa que conta o Goberno autonómico neste eido. Así, destacou as diferentes estratexias sectoriais postas en marcha pola Xunta, máis concretamente as dedicadas aos sectores lácteo e cárnico, configuradas como “dúas follas de ruta que contribúen a potenciar estes eidos e seguir afondando no desenvolvemento do agro galego”. 

De seguido, lembrou as distintas liñas de achegas que se canalizan cara este sector, facendo unha mención especial ás axudas para plans de mellora e incorporación de mozos ao agro. A convocatoria deste ano -cuxo prazo para a presentación de solicitudes finalizou o pasado 22 de abril- contou cun orzamento de 47 millóns de euros, cos que se pretende mellorar a estrutura produtiva das explotacións e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co fin último, tal e como sinalou a conselleira, de mellorar a competitividade e favorecer a remuda xeracional. Gómez expuxo que a renovación social e a rendibilidade económica son fundamentais para poder garantir a sustentabilidade ambiental nas explotacións. No marco destas achegas, 5.000 mozos e mozas incorporáronse á actividade agrogandeira no período 2009-2024.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/05/2024