Ana Ortiz destaca que o turismo é unha “prioridade” para a Xunta e compromete o apoio para “modernizar e actualizar” o sector en Vigo

A delegada territorial da Xunta mantivo este martes unha xuntanza coa directiva da Asociación de Hostalería de Vigo (Ahosvi)

Vigo, 30 de abril de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este martes unha xuntanza de traballo coa directiva da Asociación de Hostalería de Vigo (Ahosvi) na que comprometeu o apoio do Goberno galego ao sector turístico na cidade. Durante a reunión a representante autonómica puxo de manifesto que o sector é unha “prioridade” e avanzou que se manterán as axudas para “actualizar, modernizar e informatizar” negocios e establecementos na cidade.

“Na Xunta temos moi claro que o turismo é estratéxico en Vigo e que o Xacobeo do ano 2027 será unha nova oportunidade, polo que temos que estar preparados”, sinalou a delegada territorial. Neste sentido, Ortiz incidiu na evolución que presenta o Camiño da Costa ao seu paso pola área viguesa, cun crecemento exponencial que duplica as cifras cada ano que pasa.

Ademais, lembrou o acerto da Xunta de Galicia cando decidiu dotar a Vigo cun albergue de peregrinos no céntrico barrio do Berbés. “A día de hoxe é un aliciente para os camiñantes, que elixen o establecemento da cidade e poden así visitar o noso Casco Vello”, apuntou.

Ana Ortiz tamén explicou á directiva de Ahosvi que a Administración autonómica seguirán apoiando os grandes eventos que permitan promover o turismo en Vigo e a súa área. Así, puxo como exemplo os concertos no Porto de Vigo ou en Balaídos, citas como as regatas internacionais de vela, entre elas a Iacobus Maris, competicións de baile como Vigo Porté ou gastronómicas como Gastromovida.

Na reunión estiveron presentes o presidente de Ahosvi, Iván Sánchez; o vicepresidente, Daniel Provezza; os vogais Brais Rodríguez, Beatriz González e Jaime Garrido, e a secretaria, María Fernández.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2024