O director do Instituto de Estudos do Territorio asistiu á reunión do comité de xestión da iniciativa

Galicia e Portugal avanzan no desenvolvemento de infraestruturas verdes a nivel local ao abeiro do proxecto europeo Green Gap

 Nesta iniciativa, que conta cun orzamento de máis de 2,1 M€, participan un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A finalidade do desenvolvemento dunha infraestrutura verde é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna  

Pontevedra, 30 de abril de 2024

Galicia e o Norte de Portugal seguen avanzando no desenvolvemento de infraestruturas verdes a nivel local ao abeiro do proxecto Poctep Green Gap, unha iniciativa na que o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ostenta a responsabilidade da correcta coordinación e realización das diferentes actividades e tarefas.

Durante a reunión que o comité de xestión da iniciativa mantivo hoxe en Pontevedra, á que asistiu o director do IET, Enrique de Salvador, avaliáronse os proxectos que se están a levar a cabo co obxectivo de contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes na área transfronteiriza e, deste xeito, crear unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Cómpre lembrar que o proxecto Green Gap Impulso das Infraestruturas Verdes Locais para a Restauración da Biodiversidade, a Renaturalización e Deseño dunha Paisaxe Resiliente ante o Cambio Climático das Zonas Urbanas e Rurais de Galicia-Norte de Portugal, que lidera o IET, contempla actuacións concretas de formación e sensibilización das administracións locais para o deseño das infraestruturas verdes nos seus territorios e prevé o desenvolvemento de guías prácticas e metodolóxicas para a súa implantación

Nesta iniciativa, que conta cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España - Portugal (POCTEP 2021-2027), participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta  materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Máis polo miúdo, por parte de Galicia participan a Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués, forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas. 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2024