A Xunta recibe 8 ofertas para executar o acondicionamento das vías próximas ao enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 en Tui

Esta nova intervención, licitada por máis de 1M€, permitirá mellorar as condicións das vías afectadas pola execución da nova conexión da autovía, en funcionamento desde o pasado mes de febreiro grazas a un investimento da Xunta de 26 M€

Actuarase no treito da N-551 que discorre entre as interseccións do antigo enlace da autovía e que pasará a ser de titularidade autonómica, construíndo beirarrúas e reordenando o aparcadoiro

Renovarase o firme dun treito da A-55 e instalaranse pantallas acústicas adicionais

Acondicionaranse as glorietas do polígono de Areas por onde se desviou o tráfico durante a execución das obras da autovía e mellorarase o firme de varios viais

A previsión é adxudicar os traballos en xuño e comezalos en xullo, cun prazo de execución de 6 meses

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu 8 ofertas de empresas para executar as obras de acondicionamento das vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui.

Esta nova intervención, licitada por máis de 1 M€, ten como obxectivo realizar adaptacións do viario á nova configuración da circulación tras a execución da conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de  Areas, en funcionamento desde o pasado mes de febreiro tras un investimento autonómico de 26 M€.

En concreto, o contrato licitado implica intervencións nun treito da N-551 que pasa a ser autonómico, na autovía A-55 e en viarios municipais do polígono de Areas e da súa contorna que resultaron afectados pola execución das obras da autovía.

A previsión da Xunta é adxudicar as obras no mes de xuño e comezar a execución en xullo, cun prazo de execución de 6 meses.

As intervención de acondicionamento do treito da estrada N-551 entre as interseccións do antigo enlace, que pasa a ser autonómico como parte da PO-552, incluirán a adaptación da sección transversal, con eliminación do carril central que quedou sen uso, a construción de beirarrúas e a reordenación do aparcadoiro. Nos vaos peonís colocarase pavimento táctil.

Tamén se procederá á reposición do firme existente, á disposición dunha parada de autobús, á execución dunha nova rede de pluviais ou á mellora da rede de iluminación.

No caso das actuacións na A-55 estas centraranse na renovación do firme e na instalación de pantallas acústicas adicionais.

Prevense, ademais, outros remates como o acondicionamento das glorietas do polígono de Areas por onde se desviou o tráfico e melloras en distintos camiños municipais da contorna do polígono.

Documentos relacionados

Data de actualización: 01/05/2024