José López destaca as opcións de ocio saudable e alternativo para a mocidade que ofrece o programa Día da Xuventude

A segunda edición desta iniciativa comezou esta fin de semana en Ribadavia e A Estrada e chegará a 30 concellos de toda Galicia ata o mes de xullo

En 2023 participaron máis de 4.300 mozos e mozas, maioritariamente de 12 a 20 anos

A Estrada, 27 de abril de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, destacou esta tarde as variadas opcións de ocio saudable e alternativo para a mocidade que ofrece o programa ‘Día da Xuventude’, que pasará por un total de 30 concellos tras arrancar en Ribadavia este venres e en A Estrada hoxe mesmo.

O conselleiro tivo a oportunidade de falar cos mozos e mozas participantes e coñecer de preto a súa valoración sobre as diferentes actividades, que buscan a súa participación activa. Deste xeito, ofrécense obradoiros de gastronomía saudable, sobre habilidades para a empregabilidade, sensibilización medioambiental, igualdade de xénero, arte urbana ou actividades de lecer educativo como fútbol burbulla, futbolín humano, tiro con arco, lego e escape box. Así mesmo, cada xornada finaliza cunha actuación musical dalgún artista local mozo, que no caso de A Estrada foi Supermirafiori.

Este programa aséntase en cinco obxectivos: facilitar á mocidade a posibilidade de participar nun programa de actividades lúdico-formativas que contribúa ao seu enriquecemento persoal mediante aprendizaxes non formais; fomentar a participación, o ocio e o lecer saudable; transmitir valores a través de actividades que requiran do traballo en equipo, colaboración mutua e que fomenten o respecto, a igualdade, a inclusión e o espírito deportivo; achegar información dos programas que desenvolve a Xunta de Galicia destinados á mocidade; e ampliar as ferramentas de conciliación e espazos de coidado a disposición das familias galegas.

Próximas datas confirmadas

As seguintes datas confirmadas son: 1 de maio en Oia, 4 en Sanxenxo, 10 en Porto do Son, 11 en Castro de Rei, 16 en Mos, 18 en Culleredo, 24 en Arteixo, 25 en Viveiro e 31 de maio en Chantada.

En xuño chegarán as seguintes paradas: día 1 en Cangas do Morrazo, 7 en Teo, 8 en Pereiro de Aguiar, 14 en A Laracha, 15 en Ponteareas, 21 en Cerdedo-Cotobade, 25 en Ortigueira, 26 en San Cibrao das Viñas, 28 en Xinzo de Limia e 29 de xuño en Ribadeo. Pola súa parte, o 2 de xullo será a quenda de Vedra, o 3 en Poio, o 4 en Baños de Molgas, o 5 en Castroverde e o 6 en Baiona. A información das datas e lugares que faltan por confirmar estarán dispoñibles proximamente na páxina web http://xuventude.xunta.es.

Este programa, que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables, está destinado tanto á mocidade galega como ás propias familias, dado que esta iniciativa tamén favorece a conciliación da vida familiar e laboral. No ano 2023 participaron máis de 4.300 mozos e mozas, sendo predominante o rango de idade dos 12 aos 20 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2024