A Xunta facilita dende este luns os desprazamentos de Santiago ata o lugar da Agrela en Teo mediante o transbordo na Ramallosa

O servizo con saída ás 21,30 horas da Ramallosa e destino O Espiño atrasará a súa saída en 15 minutos para facilitar enlace dos usuarios procedentes de Compostela que se dirixan cara á Agrela nesa franxa horaria

Con esta modificación, a Xunta mellora as conexións dispoñibles, respondendo de xeito eficiente ás necesidades colectivas de mobilidade da cidadanía

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

A Xunta optimiza dende este luns os horarios dos servizos para facilitar os desprazamentos de Santiago de Compostela ata A Agrela, na parroquia de Lampai, en Teo.

Tras analizar a petición do Concello de Teo na que propuña un atraso de 15 minutos no servizo con saída da Ramallosa ás 21,30 horas e destino O Espiño, o Goberno galego decidiu emprender estes cambios co obxectivo de mellorar as condicións de mobilidade das persoas usuarias.

Así, dende este luns 29 de abril, a expedición da liña O Espiño-A Ramallosa, operativa de luns a venres, pasará a saír ás 21,45 horas da Ramallosa, permitindo así ás persoas usuarias do servizo da liña A Estrada E.A.  – Montouto – Santiago E.I., con saída ás 21:15 horas de Santiago E.I. e hora de paso pola Ramallosa ás 21,31 horas, contar con maior marxe temporal para poder realizar o transbordo.

Deste xeito, o Goberno galego completa a resposta ao conxunto de peticións trasladadas polo Concello e a veciñanza de Teo, ampliando a cobertura do transporte público a máis localidades e adecuando con maior precisión os horarios dalgúns servizos.

A Xunta continúa así a mellorar as conexións dispoñibles, pondo de manifesto, unha vez máis, o seu compromiso coas necesidades de mobilidade da sociedade galega e o seu interese na mellora continua do Plan de Transporte Público de Galicia.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 26/04/2024