A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou a actuación que mellorará a seguridade viaria e a mobilidade na estrada PO-510 na Vaquería

A Xunta licita as obras dunha nova senda peonil en Budiño, no concello do Porriño, que empezará a construírse no verán cun investimento de máis de 250.000 euros

Martínez Allegue concreta que se prevén comezar as obras da senda en agosto e que poida estar á disposición dos veciños de Budiño na primavera de 2025

O itinerario permitirá desprazamentos a pé en condicións de seguridade nesta parroquia, en concreto, na zona da Vaquería

A senda, cunha lonxitude de 640 metros, desenvolverase pola banda esquerda da estrada

Acondicionarase a parada de autobuses e procederase á substitución da marquesiña existente para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público

A conselleira avanza outra senda de case 1 km pola marxe dereita da PO-407 na zona de Budiño, cuxo proxecto se atopa en proceso de información pública

Subliña que nos vindeiros días quedará rematada a humanización das rúas Progreso e Buenos Aires, tras a mobilización dun orzamento de 1 M€ por parte do Goberno galego

O Porriño (Pontevedra), 25 de abril de 2024

A Xunta licitou hoxe as obras dunha nova senda peonil en Budiño, no concello do Porriño, que empezará a construírse no verán cun investimento de máis de 250.000 €.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou hoxe no Concello esta actuación, que mellorará a seguridade viaria e a mobilidade na estrada PO-510 na Vaquería.

A Plataforma de Contratos da Xunta recolle esta contratación e fixa de prazo ata o 21 de maio para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.

Martínez Allegue concretou que se prevén comezar as obras da senda en agosto para que poida estar á disposición dos veciños de Budiño na primavera de 2025.

O obxectivo deste itinerario é permitir desprazamentos a pé en condicións de seguridade na parroquia de Budiño, en concreto na zona da Vaquería.

Trátase de reforzar a seguridade e  a mobilidade dos peóns nun treito de estrada que ten unha densidade de tráfico moi elevada, alcanzando máis de 20.000 vehículos diarios.

A senda, que terá unha lonxitude de 640 metros pola banda esquerda da estrada, será de formigón e terá 1,80 metros de ancho con bordo e unha elevación con respecto á rasante da calzada de 10 centímetros, agás nos accesos ás vivendas ou fincas.

Nas beirarrúas, e onde así o indique a normativa de accesibilidade, colocarase pavimento táctil nos vaos peonís, para aumentar a seguridade con sinais que fomentan a inclusión.

O proxecto tamén inclúe o acondicionamento da parada de autobuses e a substitución da marquesiña existente, para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia, a través do que a Xunta xa executou máis de 300 km de itinerarios peonís e ciclistas e prevé acometer nesta lexislatura outros 150 km máis.

Na súa intervención, a conselleira lembrou ademais que o departamento que dirixe ten planificada outra senda para esta zona de Budiño, un itinerario de preto de 1 km pola marxe dereita da estrada PO-407. Destacou que será un novo espazo seguro para tránsito peonil nunha zona con vivendas e de acceso ao colexio público Cruz de Budiño.

Detallou que o pasado venres comezou o proceso de información pública desta actuación co obxectivo de aprobar definitivamente o proxecto no outono para licitar as obras no primeiro trimestre de 2025, cun investimento de máis de 400.000 €.

Tamén subliñou que nos vindeiros días quedarán rematadas as obras de humanización das rúas Progreso e Buenos Aires, tras a mobilización dun orzamento de 1 M€ por parte do Goberno galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2024