A Xunta úrxelle ao Goberno central a avanzar de xeito decidido na execución do Corredor Atlántico

Lamenta que o Goberno galego non recibise comunicación da presenza hoxe do comisionado nos portos da Coruña e de Ferrol para poder abordar as necesidades nestas infraestruturas estratéxicas nas conexións do noroeste peninsular   

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

A Xunta úrxelle ao Goberno central  a avanzar de xeito decidido na execución do Corredor Atlántico do Noroeste para garantir o seu remate antes do 2030, tal como está comprometido, tras coñecer a visita do comisionado na materia, José Antonio Sebastián, aos portos da Coruña e de Ferrol. A presenza do representante estatal na comunidade galega organizouse unha vez máis sen informar nin convidar a Administración autonómica para abordar as necesidades de cara ao impulso dunha rede de transporte prioritaria para a Unión Europea e que lle garanta ao  noroeste peninsular as mesmas condicións que a área mediterránea.

Nesta liña, e con motivo da presenza do comisionado no porto da Coruña, desde o Goberno galego insístese na necesidade de que o Ministerio de Transportes e Mobilidade concrete o proxecto do acceso sur do Porto Exterior, preciso para facilitar unha conexión directa entre Punta Langosteira e o Eixe Atlántico e que está contemplado na asignación de fondos Next Generation. Volve demandar tamén a electrificación da conexión ferroviaria con Meirama e a construción da nova estación intermodal, xa que se trata dun dos tramos da rede con maior tráfico e reforzaríase así a súa sustentabilidade e eficiencia.   

Canto ao porto de Ferrol, a Xunta solicita o apoio do comisionado para que ADIF acometa as obras de conexión da rede portuaria interior coa estación de ferrocarril da cidade. Por outra banda, como punto de embarque de palas e torres de aeroxenerador procedentes de Ponferrada, sinálase tamén a urxencia da recuperación completa da autovía A6 ao seu paso por Pedrafita. 

Desde o Goberno galego lémbrase que estas necesidades se enmarcan na urxencia de avanzar na elaboración do Plan director Corredor Atlántico Noroeste -comprometido desde 2019-, público, consensuado e con investimentos plurianuais aseguradas en cada unha das actividades previstas.

A Xunta lamenta que o Goberno central actúe unha vez máis sen lealdade institucional e perda unha nova oportunidade de tender pontes entre administracións na súa visita a Galicia, como leva demandando a comunidade desde o nomeamento de José Antonio Sebastián.

Data de actualización: 24/04/2024