A Xunta apoia o campionato do mundo de Endurance que converterá Sanxenxo esta semana en epicentro mundial da motonáutica

O secretario xeral para o Deporte destacou o potencial de Galicia como sede de eventos internacionais da motonáutica e, en xeral, para acoller probas deportivas de primeiro nivel en todo tipo de disciplinas

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na presentación da primeira das tres probas do Campionato do Mundo de Endurance Class B, que o Real Club Náutico de Sanxenxo acollerá esta semana, desde o venres ata o domingo.

O evento está organizado pola Real Federación Española de Motonáutica e a Real Federación Galega de Motonáutica, baixo a supervisión da Unión Internacional de Motonáutica. Con esta primeira proba en Sanxenxo, España convértese nunha das sedes da competición, que continuará con outras dúas en Bélxica e Reino Unido.

Deste xeito, desde hoxe ata o domingo compiten 12 equipos, a metade de España, dos que dous deles son galegos. Tamén compiten embarcacións de Bélxica, Kuwait, Reino Unido, Malta e Italia nas tres categorías dispoñibles -Promotion 150, Boat Production e Class Sport 450- cun dúas mangas de entre 60 e 75 quilómetros cada unha.

Lete Lasa desexou sorte a todos os participantes, sobre todo as parellas galegas, a formada por Eugenio Falcón e Sergio Pereira Millos e a de Costin Balca e Manuel Ángel Loira Gómez.

A Xunta colabora nesta gran festa da motonáutica, que o Goberno galego tamén apoia, ademais da axuda anual á Federación Galega de Motonáutica no marco do convenio anual.

Nesta liña, o secretario xeral para o Deporte incidiu en que Galicia ten acreditado o seu nivel como potencia nacional, continental e mundial da motonáutica e, en xeral, a comunidade galega ten demostrado converterse nun escenario ideal para acoller probas de máximo nivel en todo tipo de deportes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2024