A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou unha estación de calidade do aire e ruído de MeteoGalicia

A Xunta salienta que Galicia rexistra uns niveis de ruído aceptables na última década

Ángeles Vázquez pon en valor que a Comunidade conta cunha completa rede formada por 10 estacións con sonómetro, que, no seu conxunto, serían representativas dunha cidade tipo de Galicia

Insiste en que o Goberno galego seguirá avanzando na mellora da rede e na colaboración cos concellos de cara a mellorar a calidade de vida da cidadanía

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que Galicia rexistrou na última década uns niveis de ruído aceptables.

No marco da conmemoración do Día da concienciación sobre o ruído, que se celebra cada último mércores de abril, a conselleira puxo en valor que a Comunidade conta cunha completa rede formada por 10 estacións con sonómetro, que, no seu conxunto, serían representativas dunha cidade tipo de Galicia.

Nesa liña, Ángeles Vázquez explicou que esas estacións, ademais de estar repartidas por todo o territorio da Comunidade -A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago (2), Ferrol, Lalín e Laza- están situadas en diferentes zonas de alta densidade de tráfico, zonas residenciais, espazos verdes e de protección especial por uso docente e cultural.

Segundo subliñou a conselleira durante a visita que realizou hoxe á estación localizada na contorna de San Caetano, en Santiago de Compostela, en cada instalación os sonómetros recollen valores de ruído que se trasladan cada 10 minutos a MeteoGalicia, en cuxa páxina web se amosan en tempo real.

A maiores, logo de indicar que as estación recollen as principais fontes de ruído por tráfico, ocio e fenómenos meteorolóxicos, a conselleira incidiu en que o obxectivo do Goberno galego é informar á sociedade dunha cuestión que afecta á saúde humana e á biodiversidade e, ademais, colaborar cos concellos de cara a mellorar a calidade acústica do seu territorio. De feito, esa cooperación inclúe préstamo por parte da Xunta de equipos para avaliación acústica.

Nese senso, Ángeles Vázquez insistiu en que o Goberno galego seguirá avanzando na mellora da rede e na colaboración cos concellos co “obxectivo común de mellorar a calidade de vida da cidadanía”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2024