A conselleira de Política Social e Igualdade visitou esta mañá o centro de día Saraiva en Milladoiro onde explicou a nova convocatoria

Fabiola García sinala que as familias poden solicitar ata o 21 de outubro as estadías temporais do programa Respiro Familiar

Ofrece axudas económicas de 1500 euros para estadías temporais en residencias ou de 1000 euros para contratar os servizos puntuais en centros de día ou a atención dun coidador no propio domicilio

Ames (A Coruña), 24 de abril de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o centro de día Saraiva, en Milladoiro, onde explicou a nova convocatoria do programa Respiro Familiar, que ofrece axudas para que os coidadores habituais de persoas dependentes ou con discapacidade conten cuns días de descanso. Neste sentido, concretou que o prazo para solicitalas permanecerá aberto ata o 21 de outubro.

O programa Respiro Familiar ofrece axudas de 1500 euros para estadías temporais en residencias ou de 1000 euros para contratar os servizos puntuais en centros de día ou a atención dun coidador no propio domicilio. O Goberno galego destina a esta iniciativa un orzamento inicial de 880.000 euros, que se poderá ampliar en caso de recibir máis solicitudes. O pasado ano 2023, beneficiáronse destas axudas máis de mil familias.

A conselleira sinalou que a Xunta ofrece alternativas para que as persoas con dependencia ou discapacidade e as súas familias teñan máis facilidades para decidir onde vivir esta etapa das súas vidas. Ademais deste programa de Respiro Familiar, a Xunta impulsou neste ano 2024 o Bono Coidado no Fogar que ofrece unha axuda económica de 5.000 euros ao ano para todas as persoas con dependencia que están sendo coidadas nas súas casas, independentemente do grao ou situación económica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2024