A Xunta amosa a representantes de Portugal os instrumentos de recuperación de terras do concello de Riós, no marco do proxecto europeo “Paisactivo”

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe nunha xornada para dar a coñecer a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as ferramentas recollidas nela

Os participantes, entre os que había representantes de entidades galegas e portuguesas que forman parte do proxecto, visitaron a aldea modelo de Pedrosa e o polígono agroforestal de Pousada, ambos os dous no concello ourensán de Riós

“Paisactivo” busca aumentar a resiliencia do territorio fronte ao risco de incendios, a través de valorizar e mellorar a xestión sustentable das terras agroforestais á vez que se protexen e dinamizan os asentamentos rurais

Riós (Ourense), 24 de abril de 2024

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada pola alcaldesa de Riós, Eva Barrios, pola subdirectora de Terras da Axencia, Irene López, e o subdirector de Promoción Internacional e Rural Intelixente, Jorge Blanco, abriu hoxe unha xornada, enmarcada no proxecto europeo Interreg POCTEP “Paisactivo (Paisaxes cortalume: activación do espazo rural para un territorio resiliente)”, para dar a coñecer os instrumentos de mobilización de terras que se están a desenvolver no concello ourensán de Riós.

Esta xuntanza contou coa participación de representantes portugueses integrados no proxectos como son a Câmara Municipal Baião, a Comunidade Intermunicipal do Tâmega Sousa e a Facultade de Letras da Universidade do Porto, así como a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Monterrei pola parte galega, aos que se lle sumaron membros do proxecto europeo RUSTIK.

Ao longo da mañá, esta xornada contou cun varias charlas para dar a coñecer a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ferramentas integradas nela como son as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, así como o Banco de Terras regulado en dita lei, cos que se busca avanzar na recuperación da actividade económica e social dos terreos que e atopan en situación de infrautilización. Ademais, levouse a cabo un obradoiro de debate para identificar os posibles aspectos transferibles do marco normativo galego ao portugués, dentro do Programa de Transformaçao da Paisagem do país portugués.

A xuntanza completouse cunha visita á aldea modelo de Pedrosa e ao polígono agroforestal de Pousada, ambos os dous localizados no concello de Riós. A aldea modelo, que abrangue unha superficie de 52,03 hectáreas divididas en 922 parcelas de 164 titulares, dedicarase á gandaría en extensivo de vacún e razas autóctonas, ademais da produción de cereais e cultivos de ciclo curto. Por outro lado, o polígono agroforestal terá unha superficie de 94 hectáreas, cuns 663 predios de 200 propietarios, centrarase na plantación de castiñeiros.

Proxecto “Paisactivo”

O proxecto “Paisactivo” busca aumentar a resiliencia do territorio fronte ao risco de incendios a través de valorizar e mellorar a xestión sustentable das terras agroforestais á vez que se protexen e dinamizan os asentamentos rurais, promovendo a súa sustentabilidade.

Esta iniciativa fai unha análise comparada dos instrumentos de xestión do espazo rural no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e do Programa de Transformaçao dá Paisagem de Portugal e as súas ferramentas, buscando a identificación de aspectos transferibles entre os contextos galego e portugués.

No caso de Galicia, prevese identificar aspectos metodolóxicos e procedementos que permitan avanzar na aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ao longo dos vindeiros meses, así como a súa aplicación no plan de dinamización da aldea de Infesta, no concello de Monterrei.

O proxecto PAISACTIVO está coordinado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e, ademais da Fundación Juana de Vega, participan como socios galegos a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Monterrei. Por parte de Portugal forman parte do consorcio a Câmara Municipal de Baião, a Comunidade Intermunicipal do Tâmega  Sousa, o Centro de Estudos de Geografía e Ordenamento do Territorio (CEGOT) da Universidade de Porto e a Direçao Geral do Território.

Durante a vindeira semana, os participantes galegos desprazaranse á localidade de Baião para coñecer da man da súa Direção-Geral do Território o funcionamento das figuras da lei portuguesa, entre elas os Condomínios de Aldeia, e analizarán ós aspectos que poderían ser transferibles a lei galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2024