A Xunta destina 600.000 € para que as organizacións profesionais e asociacións agrarias poidan desenvolver as súas actividades

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas achegas da Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución mediante a cal se dá publicidade ás axudas concedidas e denegadas ás organizacións profesionais agrarias para a realización de actividades de interese agrario, no marco das achegas convocadas pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, dependente da Consellería do Medio Rural. Neste sentido, puideron beneficiarase tres organizacións profesionais agrarias -cunha axuda total de 475.000 euros- e tres asociacións agrarias -que recibiron en conxunto 125.000 euros-.

As achegas concedéronse en réxime concorrencia polo sistema de rateo e cubrirán os gastos de realización de actividades de representación e de formación das organizacións profesionais e asociacións agrarias, legalmente constituídas e con implantación en Galicia, e dos agricultores en xeral. 

Os custos subvencionables son aqueles derivados de actividades realizadas entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023. As axudas cubrirán os gastos de funcións e actuacións que lles son propias conforme á normativa legal, as funcións ordinarias de xestión interna, a representación perante as institucións, a participación nos órganos colexiados constituídos pola Administración galega para a defensa dos intereses dos seus representados, a formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario e o fomento do asociacionismo agrario.

Axudas para diversas actividades

A contía das axudas dispón dunha prima base de 20.000 euros, que se irá incrementando dependendo das actividades e ata que se esgote o orzamento correspondente. As achegas distribuiranse para as organizacións profesionais agrarias que tramitaron máis do 2 % das solicitudes da PAC de Galicia da campaña 2023 e as asociacións agrarias que tramitaron máis do 1 %, recibirán 50 euros por cada unha das solicitudes tramitadas e o límite será de 150.000 euros.

Ademais, as entidades con máis dun representante nos consellos reguladores de Galicia recibirán 5.000 euros por cada un deles a partir do sexto, no caso das organizacións profesionais agrarias, e do primeiro nas asociacións agrarias, ata un máximo de 100.000 euros.

Por último, estas achegas tamén se poderán conceder a entidades con máis dunha oficina de atención permanente ao público en Galicia, con 10.000 euros por cada unha delas e ata un máximo de 50.000 euros. Aquelas que estean situadas no mesmo concello, terán a consideración dunha única.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2024