O conselleiro do Mar visita a nova edición desta feira en Barcelona

A Xunta afonda na internacionalización dos produtos pesqueiros coa promoción da calidade e sabor do peixe e marisco galegos na Seafood Expo Global

O titular de Mar visitou o stand da Consellería do Mar no que están presentes 38 empresas expositoras que dispoñen dun centro de negocio no que manter encontros con potenciais clientes

Alfonso Villares mantivo un encontro coa secretaria do Gabinete de Asuntos Rurais e Reforma Agraria do goberno de Escocia, Mairi Gougeon, para abordar posibles vías de colaboración entre ambas rexións no ámbito pesqueiro

A cidade condal acolle ata o 25 de abril a feira máis grande do mundo de peixe e marisco na que o ano pasado participaron máis de 2.000 empresas expositoras e que foi visitada por provedores, medios e profesionais de máis de 150 países

Barcelona, 23 de abril de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a aposta da Xunta por afondar na internacionalización da cadea mar industria co obxectivo de abrir novos mercados para os produtos pesqueiros galegos para que poidan alcanzar novos clientes. Así o manifestou durante a visita ao stand da Consellería do Mar na Seafood Global Expo de Barcelona na que enxalzou a calidade, variedade e sabor único do peixe e marisco galegos como a mellor carta de presentación para continuar espallando o seu alcance a un maior número de consumidores.

O titular de Mar mantivo contactos cos responsables das diferentes empresas expositoras no espazo habilitado polo departamento autonómico, un total de 38, que contan cun centro de negocios onde manter reunións con outras coas cales pechar posibles acordos comerciais. Deste xeito o Goberno galego suma unha nova cita internacional con presenza do sector da pesca e a industria transformadora galega, a novena no que vai de ano, cruciais para seguir fortalecendo o carácter exportador da cadea mar-industria que alcanzou un novo récord o ano pasado rexistrando unha facturación de case 2.800 millóns de euros.

Alfonso Villares tamén mantivo un encontro de traballo coa secretaria do Gabinete de Asuntos Rurais e Reforma Agraria do Goberno de Escocia, Mairi Gougeon, na que abordaron posibles vías de colaboración entre ambas administracións no ámbito pesqueiro así como tecer alianzas para influír nas políticas pesqueiras comunitarias en defensa dos intereses dun sector estratéxico para Galicia. Unha liña de traballo que xa deu os seus froitos co nomeamento o ano pasado do conselleiro do Mar, xunto co seu homólogo bretón, Daniel Cueff, como copresidentes do Grupo Central de Traballo Marítimo e de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM).

Plataforma internacional

A capital catalá acollerá ata o vindeiro 25 de abril a maior feira internacional máis grande do mundo dedicada á comercialización de peixe e marisco que no 2023 acolleu a máis de 2.000 empresas expositoras de 87 países. Nesa edición asistiron 34.400 visitantes profesionais do sector da pesca de máis de 150 países. Cifras coas que o responsable autonómico puxo en valor este evento como plataforma excepcional coa que continuar internacionalizando o conxunto da cadea mar-industria galega, reforzando a súa posición de liderado a nivel europeo e mundial na extracción, elaboración e transformación de produtos pesqueiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2024