A Xunta salienta a calidade dos produtos galegos no Salón Gourmets de Madrid

Madrid, 24 de abril de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu esta mañá á 37 edición de Salón Gourmets, que se está a celebrar en Madrid ata este xoves 25 de abril. A Axencia participa neste evento, un dos máis recoñecidos a nivel nacional e internacional no eido gastronómico, cun posto de 490 metros cadrados da man de 36 empresas, acollidas na súa meirande parte por un distintivo de calidade. 

Cabarcos salientou a participación da Consellería en actos desta relevancia, que favorecen a posta en valor da calidade da nosa gastronomía e recoñecen o bo facer dos nosos produtores. O director explicou que no día de hoxe a Axencia organizou diferentes catas- degustación de diversos produtos, como os catro queixos galegos con denominación de orixe protexida, tarta de santiago co selo da IXP, viños da Denominación de Orixe Ribeiro e incluso unha masterclass con produtos das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega e Boi Galego a cargo do chef Javier Rodríguez. Tamén se organizaron obradoiros infantís impartidos pola técnica Beatriz Ríos co fin de que os máis pequenos coñezan a importancia dos selos de calidade diferenciada e, en particular, as propiedades e a excelencia do mel galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2024