A Xunta inviste 2 M€ na mellora das infraestruturas turísticas de preto de 70 concellos do rural galego

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas de Turismo de Galicia para a diversificación do turismo nos concellos de menos de 10.000 habitantes

Tamén se publican as axudas para embelecemento do litoral cun investimento de 2,7M€ das que se beneficiaron 67 proxectos de 41 concellos galegos

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da liña de axudas destinada a concellos galegos de menos de 10.000 habitantes coas que a Xunta de Galicia busca o impulso e consolidación turística do rural galego ao tempo que promove a diversificación turística polo territorio. En total foron beneficiarios 67 concellos cun investimento global de 2M€.

Como se indica na resolución, entre os beneficiarios inclúense iniciativas para a posta en valor da súa riqueza histórica, acondicionamento de sendeiros, sinalización turística, construción de miradoiros, acondicionamento de recursos culturais, patrimoniais e paisaxísticos. Ademais, tamén hai actuacións de posta en valor turístico dos recursos e  proxectos centrados na rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos así como proxectos con melloras de accesibilidade como eliminación de barreiras arquitectónicas, entre outras.

Xunto a estas axudas, o Diario Oficial de Galicia tamén publica a resolución da segunda convocatoria destinada a concellos galegos para levar a cabo accións de embelecemento do litoral e potenciar así o seu uso turístico, cun investimento global de 2,7M€. Neste caso foron beneficiarios un total de 64 proxectos en 41 concellos do litoral galego que comprenden iniciativas como melloras paisaxísticas en paseos marítimos, creación de contidos e recursos turísticos dixitais, recuperación de sendeiros entre puntos turísticos ou sinalización, entre outras.

Neste caso é unha das axudas do Plan de Sustentabilidade Turística do Litoral que, cun investimento global de 29,3M€, se enmarca no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos. Inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao litoral galego como dúas convocatorias anteriores para concellos e establecementos para rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego, xa resoltas, e ademais, entidades locais están executando distintos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2024