A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta identifica a presunta autora de varios lumes no concello coruñés de Coristanco

Tras un traballo de investigación dende que se produciu o primeiro dos incendios o 24 de marzo, conseguiuse recadar nas primeiras dilixencias probas indiciarias suficientes para poñer a suposta persoa autora a disposición xudicial

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

Axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, veñen de identificar a presunta persoa autora de varios lumes na parroquia de San Xusto, no concello coruñés de Coristanco.

Os axentes ambientais da UIFO empezaron a traballar sobre a zona o día 24 de marzo, data na que se rexistrou o primeiro dos incendios e na que observaron tamén varios conatos previos. O último lume aconteceu o pasado día 21 deste mes de abril e a superficie afectada total por estes incendios foi dunha hectárea de monte, aproximadamente.

O traballo de investigación permitiu recadar as probas indiciarias suficientes para poñer a disposición xudicial a persoa que presuntamente provocou os incendios forestais. O labor dos axentes da unidade de investigación desenvólvese en estreita colaboración co resto de axentes ambientais e persoal do dispositivo do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF).

A presunta autora destes lumes é unha veciña da parroquia de San Xusto. Unha vez rematadas as primeiras dilixencias, remitiranse ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Carballo.

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais está despregada por todo o territorio galego, onde continúa coas investigacións recadando probas para traballar na identificación e posta a disposición xudicial dos presuntos incendiarios. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2024