Portos de Galicia outorga concesións para a xestión de lonxa ás confrarías de Moaña, Pontedeume, Ribadeo, Noia e Vilaxoán

As taxas que terán que abonar pola ocupación do solo portuario polos edificios das rulas contan cunha bonificación do 90 %

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2024

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de outorgar oito concesións administrativas para a explotación de edificios portuarios, das que cinco corresponden ás confrarías de Moaña, Pontedeume, Ribadeo, Noia e Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) para a xestión das lonxas dos respectivos portos.  

En todos o casos, a excepción de Noia -que prorroga a concesión vixente-, trátase de novas concesións administrativas para dar continuidade á actividade que xa se viña realizando e da que xa eran titulares as confrarías, pero cuxo prazo venceu e obrigou á súa renovación. Así mesmo, as cinco confrarías beneficiaranse dunha bonificación do 90 % do importe total das taxas que deberán abonar pola ocupación do solo portuario.

O prazo de vixencia das novas concesións será de 10 anos nos casos de Moaña, Pontedeume, Ribadeo e Vilaxoán. No caso da prórroga da concesión da lonxa de Testal á confraría de Noia, o prazo esténdese ata o 2028.

Outras entidades en Ribeira, Ribadeo e Poio

Ademais das cinco concesións ás confrarías de pescadores, o anuncio do DOG recolle outros tres trámites relacionados con concesións a diferentes entidades. Así, modifícase substancialmente a concesión á asociación cultural Lajareu por Barlovento de Ribeira para a ocupación de espazo destinado a garda e reparación de dornas, oficinas e aparcadoiro.

Tamén se prorroga por 5 anos a concesión á agrupación de interese económico Lonxa de Campelo (Poio) para a explotación da rula. Finalmente outórgase unha concesión a Astilleros Gondán en Ribadeo para taller auxiliar para a construción naval.

Data de actualización: 19/04/2024