A conselleira do Medio Rural, a directora xeral de Administración Local, a directora de Seaga e o vicepresidente primeiro da Fegamp reuníronse con alcaldes e alcaldesas galegas

A Xunta e a Fegamp apostan por seguir avanzando na colaboración institucional para reforzar a loita “planificada e conxunta” fronte á velutina

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, afirmou que a loita contra esta especie “é cousa de todos” e avogou por “seguir potenciando a coordinación entre todos os sectores implicados”

Durante a xuntanza cun nutrido grupo de rexedores galegos, Gómez agradeceu o labor que veñen desenvolvendo os municipios neste eido e engadiu que facelo de xeito “planificado e metódico entre todos” contribuirá a “gañar eficacia”

Explicou que se está a levar a cabo un trampeo selectivo, planificado e coordinado a través dun dispositivo no que xa está participando persoal do Seaga, traballadores do Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais ou Protección Civil

Como mostra da importancia desta cooperación, Gómez lembrou o convenio entre o Goberno autonómico e a Fegamp para a execución do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina, coa que se encomenda a Seaga a retirada de niños

Nesa liña, o vicepresidente primeiro da Fegamp coincidiu no plantexamento de reforzar a coordinación dos esforzos que se están a desenvolver tamén na prevención

Ante a expansión deste insecto detectada o ano pasado, a Xunta apostou neste 2024 por executar unha nova batería de medidas para combater esta especie

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, e o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde do Incio, Héctor Corujo, mantiveron esta tarde unha xuntanza informativa con alcaldes e alcaldesas de municipios galegos arredor das novas medidas executadas pola Xunta na loita contra a velutina, entre as que sobresae o trampeo que xa se está a implementar en todo o territorio galego.

A reunión tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública, situada en Santiago de Compostela, e nela participou un nutrido grupo de rexedores das catro provincias galegas. Alí, a conselleira afirmou que o traballo contra esta especie “é cousa de todos” e avogou por “seguir potenciando a coordinación entre todos os sectores implicados”, co fin de seguir avanzando na planificación e desenvolvemento das accións previstas neste proceso, “no que os concellos xogan un papel absolutamente fundamental”.

De seguido, remarcou a importancia deste trampeo, “planificado e xeolocalizado”, para combater este insecto. María José Gómez recoñeceu a importancia do labor que veñen desenvolvendo os municipios neste eido, levando a cabo traballos de trampeo. Con todo, a conselleira engadiu que facelo de xeito “planificado e metódico entre todos” contribuirá a “gañar eficacia”.

Renovación da encomenda a Seaga para a retirada de niños en toda Galicia

Como exemplo da importancia da cooperación neste eido, María José Gómez puxo de relevo a colaboración levada a cabo entre a Xunta e a Fegamp para a execución do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina, coa que se encomenda á empresa pública Seaga a retirada de niños. O convenio acordouse no ano 2020 e neste 2024 vén de renovarse por quinto ano consecutivo e como novidade, conta por primeira vez coa adhesión dos 313 concellos galegos. Grazas a este convenio xestionáronse máis de 56.600 avisos en 2023, dos que máis de 29.500 casos se corresponden con niños de velutina retirados.

Cómpre aclarar que, ademais dos niños retirados, hai outros avisos que tamén implican actuacións como os casos dos niños de especial risco que son eliminados polos servizos de emerxencias, aqueles inactivos que xa non teñen actividade de avespa asiática, os que están situados en zonas onde non se poden visualizar de maneira directa ou en lugares inaccesibles que requiren para a súa retirada actuacións complementarias posteriores, así como avisos de niños localizados en propiedades privadas para os que se precisa o consentimento do propietario.

Con este acordo, a Xunta ofrece unha solución homoxénea, centralizada e coordinada cos concellos para a eliminación e retirada de niños desta especie a través de Seaga, que conta cun equipo encargado de organizar aos efectivos de intervención, que foron reforzados polo Goberno autonómico coa dotación de material e medios necesarios para esta actividade -dende pértegas e equipos de protección individual ata material informático-, ademais de contar coa formación específica necesaria.

Trampeo selectivo, planificado e coordinado

A conselleira continuou expoñendo a iniciativa posta en marcha pola Xunta neste 2024, que constitúe un trampeo selectivo, planificado e coordinado, no que está participando persoal do Seaga, traballadores do Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais e Protección Civil; e no que se está a buscar a implicación dos concellos. Neste proceso, tal e como indicou a titular do Medio Rural, estanse seguindo estritamente criterios técnicos e recomendacións científicas.

Trátase dos dispositivos de captura máis novidosos do mercado, que ademais son sustentables e respectuosos co medio ambiente. O trampeo é xeolocalizado e na súa instalación tense en conta a análise dos datos do 2023 para potenciar a súa efectividade. Este é un proceso aberto que atende aos máis rigorosos criterios técnicos e científicos co obxectivo de potenciar a súa eficacia e abarcar a totalidade do territorio galego.

Novas medidas

Segundo explicou María José Gómez, ante a expansión deste insecto detectada o ano pasado, o Goberno autonómico apostou neste 2024 por seguir instaurando novas medidas para loitar contra esta especie. Estas medidas artéllanse en catro eixos -retirada de niños primarios, trampeo selectivo, formación, información e divulgación e investigación-, que se desenvolverán ao longo de todo o ano no conxunto do territorio da nosa comunidade.

Nesta liña, xa se están a celebrar charlas dirixidas á poboación en xeral para sensibilizar e concienciar sobre esta problemática. Este labor de divulgación complementa os traballos sobre o terreo, mediante a retirada de niños primarios -iniciado en febreiro- e o xa mencionado trampeo.

Captura das raíñas

Gómez sinalou que o trampeo responde a unha das principais demandas do sector apícola, que ademais permite facer un seguimento da evolución da presenza da velutina a través do rexistro dos datos na aplicación informática Contravelutina. A información recompilada será avaliada de xeito continuado por un grupo de técnicos especializados e grazas aos resultados obtidos poderán tomarse medidas correctoras que melloren a eficacia deste sistema.

Os traballos de trampeo céntranse actualmente na captura de raíñas que ao comezo da primavera saen na procura de alimento e a construír os primeiros niños. Máis adiante, nos meses de outono e inverno, enfocaranse á captura de machos e de novas raíñas que emerxen dos niños secundarios. Tamén se realizará un trampeo selectivo nas abellarizas en canto aparezan os primeiros abáboros. Ademais, dentro da nova batería de medidas está o impulso á investigación científica para coñecer en maior profundidade o comportamento da velutina e frear con máis eficacia a súa propagación.

Coordinación e prevención

Pola súa banda, Héctor Corujo sinalou que a Fegamp comparte o plantexamento de reforzar a coordinación dos esforzos que se están a desenvolver, polo que o programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina ten que seguir contando cos distintos actores no ámbito da administración autonómica e local e os actores sectoriais que participan na aplicación das medidas de control. E no reforzo da coordinación das actuacións para os concellos é clave o traballo na prevención.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/04/2024