A Xunta e produtores traballan na optimización do cultivo da pataca de calidade, con formacións en Coristanco e Xinzo

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta mañá na apertura desta xornada no concello coruñés, enmarcada nas accións formativas organizadas pola Consellería do Medio Rural

O primeiro destes módulos tivo lugar onte no Salón de Plenos do Concello de Xinzo de Limia, mentres que o segundo está a celebrarse ao longo do día de hoxe no edificio multiusos da localidade coruñesa de Coristanco

Ambas as dúas charlas reuniron a máis de 80 produtores, a maioría inscritos na IXP Pataca de Galicia, para formarse na produción deste tubérculo e sobre o regulamento técnico de certificación da pataca de semente

Coristanco (A Coruña), 18 de abril de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta mañá na apertura da xornada sobre a optimización do cultivo da pataca de calidade, pertencente á Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, que conta con 90 produtores e 12 industrias inscritas. Esta acción formativa forma parte de dúas xornadas organizadas pola Axencia co fin de formar agricultores.

O primeiro destes módulos tivo lugar onte no Salón de Plenos do Concello de Xinzo de Limia, mentres que o segundo está a celebrarse ao longo do día de hoxe no edificio multiusos da localidade coruñesa de Coristanco e, en total, contaron coa participación de máis de 80 produtores, a maioría inscritos na IXP Pataca de Galicia.

Ambas as dúas charlas dividíronse en horario de mañá e tarde abordar os dous bloques formativos cos que conta o módulo, vinculados á produción de pataca e ao regulamento técnico de certificación da pataca de semente. O primeiro versa sobre as posibles dificultades que poden xurdir no momento de cultivar este tubérculo e permitiralle aos asistentes coñecer nocións básicas sobre a calidade fitosanitaria das sementes ou o seu correcto manexo e conservación, entre outras.

O segundo bloque está centrado nos requisitos sanitarios aplicados a este cultivo e nos parámetros de calidade que debe cumprir. O curso rematará cunha mesa coloquio moderada polo presidente da IXP Pataca de Galicia, José Manuel Gómez.

Durante a súa intervención, o director puxo de relevo a importancia deste tipo de xornadas, organizadas co obxectivo de formar aos agricultores para que poidan mellorar a rendibilidade das súas explotacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/04/2024