A Xunta salienta a aposta de futuro que supón o turismo para os empresarios do sector

Cabanas (A Coruña), 17 de abril de 2024

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, participou hoxe na inauguración oficial do aloxamento Alda Cabanas Playa, no concello coruñés de Cabanas, onde salientou “a aposta de futuro” que supón o turismo para os empresarios do sector en Galicia. Neste sentido, agradeceu en nome da Xunta de Galicia a aposta da empresa por renovar e ampliar a planta hoteleira galega con aperturas como a realizada hoxe en Cabanas, onde melloraron as instalacións deste establecemento.

Recordou, ademais, que se trata dun compromiso compartido coa Administración autonómica que, desde hai anos, ofrece ferramentas para contar cunha infraestrutura turística “moderna e de calidade” que permita aos visitantes “gozar do destino ao tempo que dispor de todos os servizos”. Neste sentido, referiuse ás distintas liñas de axuda xa consolidadas para axudar ao sector a mellorar a accesibilidade dos seus establecementos, contribuír á súa modernización e melloras de servizos ou que aplique medidas de aforro enerxético.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2024