A Xunta destaca o seu compromiso con seguir potenciando a competitividade e a modernización do sector vitivinícola na XLII Festa do Viño da Ulla

Vedra (A Coruña), 14 de abril de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu esta mañá á XLII Festa do Viño da Ulla, celebrada na parroquia de San Miguel de Sarandón, no concello coruñés de Vedra. Alí, puxo de relevo este tipo de eventos, que se configuran como ocasións idóneas para resaltar a tradición adegueira de Galicia, enxalzar a calidade dos viños galegos e recoñecer o gran labor que desempeñan os viticultores.

 

Neste sentido, destacou as diferentes liñas de axudas específicas para o sector, que só no período 2018-2023 superou un investimento do Goberno autonómico de máis de 40 millóns de euros enfocado a seguir avanzando na competitividade e modernización dun eixo chave do rural galego. José Luis Cabarcos tamén fixo referencia á estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas galegas, posta en marcha pola Xunta co obxectivo de consolidar o sector nos diferentes mercados e potenciar o enoturismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2024