O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o servizo acompañado do alcalde, Jesús Vázquez Almuíña

O centro de día da Xunta en Baiona cumpre doce anos de atención especializada ás persoas maiores

O equipamento conta cunha trintena de usuarios procedentes de Baiona, Nigrán e Gondomar, e hai dous anos ampliouse  a súa capacidade para poder atender agora ata un máximo de 40 persoas

Baiona (Pontevedra), 12 de abril de 2024 O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, estivo hoxe cos profesionais, usuarios e familiares do centro de día público para persoas maiores. Esta visita coincidiu coa celebración do décimo segundo aniversario deste servizo, á que tamén acudiu o alcalde do concello, Jesús Vázquez Almuíña.

Perfecto Rodríguez destacou a calidade da atención que se presta neste centro de atención diúrna, ao que acoden diariamente  unha trintena de maiores de Baiona Nigrán e Gondomar, concellos que forman a Mancomunidade do Val Miñor. Así mesmo, recordou que hai dous anos a Xunta ampliou a capacidade deste servizo para poder atender agora ata un máximo de 40 usuarios.

O xerente tamén lembrou que recentemente se destinaron 30.000 euros para dotar ao centro de equipos de aire acondicionado para mellorar a súa climatización no verán.

Exposición e vídeo

Con motivo da celebración deste aniversario inaugurouse no centro unha exposición e proxectouse un vídeo sobre as diferentes historias laborais dos seus usuarios. Así mesmo, entregáronse agasallos e o festexo rematou cunha actuación musical.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/04/2024