A Xunta destaca que os viños galegos con Denominación de Orixe lideran en prezos o mercado nacional
Un estudo elaborado pola consultora Nielsen confirma que os viños galegos ocupan o primeiro lugar en prezos no mercado español, tanto na canle de hostalaría como na de alimentación
O informe indica que o prezo medio na canle de alimentación chegou, en setembro de 2023, ata os 6,63 euros, cun incremento sostido nos dous últimos anos próximo ao 30 %, mentres que o índice medio no eido da alimentación situouse nos 6,78 euros
En termos de cota de valor por venda, a cota dos viños galegos gaña 0,7 puntos ata un 9,6 %, afianzándose no terceiro posto no ranking español, só superado polos de Castela e León e La Rioja
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2024
Os viños galegos con denominación de orixe (DO) consolidan a súa posición de liderado en prezos de venda no mercado nacional (tanto na canle de hostalaría como na de alimentación), segundo o último informe elaborado pola consultora Nielsen en colaboración coa Xunta.
Este estudo constata que o prezo medio na canle de alimentación chegou, en setembro de 2023, ata os 6,63 euros, cun incremento sostido nos dous últimos anos (dende setembro de 2021) próximo ao 30 %. Ao tempo, na canle de hostalaría o prezo medio situouse nos 6,78 euros, á cabeza de España, e por riba das dúas seguintes comunidades autónomas na clasificación (Castela e León e La Rioja).
Ademais, o informe sinala tamén que estes viños seguen ocupando unha boa posición no mercado español en termos de cota de valor por venda. Así, neste eido a cota de Galicia gaña 0,7 puntos ata un 9,6 %, afianzándose no terceiro posto no ranking español, só superado polos de Castela e León e La Rioja. En particular, Rías Baixas mantense no cuarto posto dentro dos primeiros dez postos da clasificación por denominacións de orixe neste terreo, estando só por baixo de La Rioja, Ribera del Duero e Rueda.
No que atinxe ao volume total de vendas, Galicia está no quinto posto do ranking, co 6,8 %. Por denominacións de orixe, Rías Baixas segue tendo un bo lugar, manténdose tamén no top 10 nacional.
Na canle de hostalaría, a evolución das vendas do viño con DO de Galicia no último ano é, en liñas xerais, moi favorable. Así, en millóns de litros as vendas medraron un 12,4 % neste sector, pasando de 13,7 millóns en setembro de 2022 a 15,4 millóns no mesmo mes de 2023. No que atinxe ao valor económico, en millóns de euros a evolución global foi positiva, pasándose de 191 millóns no 2022 a 215,2 no 2023, o que representa un incremento do 12,7 %. Por canles, na hostalaría o medre foi moi significativo, situándose no 24 %, ao pasarse de 112 a 138,9 millóns, malia que se rexistrou unha lixeira baixada na canle de alimentación.
O informe marca como retos de futuro para estes viños galegos amparados por denominación de orixe os de afianzar a súa boa posición na canle de hostalaría, ampliar o seu público obxectivo e recuperar o posicionamento nos lineais de alimentación, entre outras finalidades.
Pulo da estratexia do sector vitivinícola
A boa evolución dos viños galegos con DO no mercado español está vinculada ao desenvolvemento da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, coa que a Xunta está reforzando todas as dimensións do sector: económica, territorial, turística, patrimonial e paisaxística.
Así, a Estratexia contribúe -mediante a súa aposta pola calidade a pola promoción do produto- a incrementar o valor do viño con denominación de orixe, que se materializa no seu prezo nos mercados.
Entre os retos que recolle esta estratexia, destacan o reforzo das sinerxías do sector vitivinícola co turismo e o territorio, de identificar o viño galego coa marca-país, de apostar pola formación e a innovación, de lograr o relevo xeracional no sector vitivinícola e o de impulsar o desenvolvemento sustentable para mitigar os efectos do cambio climático. Para identificalos, traballouse ao longo de case un ano coa implicación de máis de 170 axentes vinculados ao sector.