Rivo pon en valor o programa autonómico ‘Emprego sen etiquetas’ que incide na necesidade de rachar cos prexuízos de xénero na elección dunha profesión

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou en Ourense nunha nova xornada desta iniciativa organizada pola Xunta para impulsar a presenza feminina en sectores onde tradicionalmente predominan os homes

Sinalou que é importante educar e concienciar desde idades temperás e tamén que se produza un cambio desde o ámbito da empresa

Destacou que o Goberno galego aprobará este ano un plan pioneiro que con 2,25 millóns de euros busca aumentar o emprego feminino en sectores masculinizados

A campaña ‘Ti elixes’, tamén da Xunta, está a traballar no ámbito educativo para que a xente nova medre sen prexuízos e rachando estereotipos de xénero

Ourense, 10 de abril de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou hoxe nunha nova xornada de Emprego sen etiquetas, unha iniciativa que organiza a Xunta para incidir na necesidade de rachar cos prexuízos de xénero na elección e no exercicio dunha profesión.

A actuación que percorre as catro provincias galegas -hoxe recalou en Ourense- ten como obxectivo impulsar a presenza feminina en sectores económicos onde tradicionalmente predominan homes é concienciar sobre que as mulleres poden e deben escoller as súas profesións atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por estereotipos nin por falsas crenzas que aínda hoxe se transmiten.

O Goberno galego busca  contribuír á eliminación da fenda salarial e quere reverter esta situación identificando e rachando con estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas. Na opinión de Rivo, é preciso, para elo, concienciar á sociedade desde idades temperás, pero o cambio tamén debe producirse, tal e como apuntou, no mundo da empresa, para que tamén saiban escoller ás persoas traballadoras en función das súas aptitudes e capacidades, deixando atrás calquera prexuízo de xénero.

Na xornada participaron na mesa redonda catro mulleres que traballan como chapista (Nerea Doval), soldadora (Sonia Pacios), auditora (Ana Pumar) e expendedora nunha gasolineira (Zoraida Alonso)  para dar conta das súas respectivas experiencias en sectores masculinizados.

Rivo clausurou o acto no no que tamén salientou que Emprego sen etiquetas forma parte dunha estratexia ampla e ambiciosa que se está a impulsar desde a Xunta para acadar unha verdadeira igualdade laboral. Esta inclúe programas e campañas como Ti Elixes, que se desenvolve en centros escolares para concienciar á xente nova da importancia de elixir unha profesión en función unicamente das habilidades, capacidades ou motivacións persoais.

A iniciativa estase a realizar en centros de ensinanza secundaria que están polo xeral situados próximos a institutos de formación profesional nos que se ofrece cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados. 

Novas axudas

O novo Plan de axudas para impulsar a presenza feminina en sectores masculinizados tamén forma parte desta estratexia. É unha nova iniciativa que se porá en marcha este ano con 2,25 millóns de euros de orzamento para conceder apoios á formación e á contratación.  A previsión é que se poidan contratar e formar unhas 300 mulleres no conxunto do territorio galego con axudas por cada muller insertada no mercado laboral de 7.500 euros.

O programa Emega de fomento do emprendemento e do emprego feminino, que cumpre xa 28 anos a prol da igualdade de oportunidades no eido laboral, é outra das actuacións da Xunta neste eido. Contribúe -entre outras cousas- a que en sectores onde adoitan predominar os homes comecen a destacar mulleres, non só como traballadoras senón tamén como empresarias prósperas.

Rivo tamén referiuse ao programa formativo Lideramos para impulsar o talento e liderado feminino, a mellora profesional e a xestión de equipos e sinalou que, en paralelo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tamén aposta pola conciliación e a corresponsabilidade na vida familiar, persoal e laboral, con medidas para o impulso da corresponsabilidade e o fomento da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) nas empresas.

Para rematar, afirmou que a igualdade trae consigo máis talento, máis creatividade e maiores niveles de produtividade e rendibilidade.  Por iso, avogou pola unión de administracións, empresas e sociedade, en xeral, para seguir o mesmo camiño, o da igualdade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2024