A Xunta estudará a colaboración de emprendedores sénior coa Rede autonómica de polos para reforzar o asesoramento que presta da man de expertos

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, clausurou o acto do 30 aniversario de Secot-Galicia, unha entidade que ofrece asesoramento ás persoas emprendedoras a través do voluntariado sénior

Puxo en valor a Rede que está composta por 13 centros activos coa previsión de acadar en breve os 15 espallados por todo o territorio galego, prestando asesoramento experto a novas persoas emprendedoras ou para garantir a remuda xeracional

Desde a posta en marcha da iniciativa en xullo de 2022, téñense atendido arredor de 1.600 proxectos en toda a Comunidade, preto de 400 na provincia de Pontevedra

Vigo, 10 de abril de 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, clausurou hoxe en Vigo o acto do 30 aniversario de Secot-Galicia, unha entidade que ofrece asesoramento ás persoas emprendedoras que o soliciten, a través do voluntariado sénior. Precisamente, Fernández puxo en valor a importancia de contar con mans expertas no eido do emprendemento e apuntou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade estudará posibles vías de colaboración con esta organización para reforzar o asesoramento que por parte de persoas especialistas e con experiencia na materia xa ofrece a Xunta a través da Rede de polos.

Esta iniciativa arrancou en xullo de 2022 e desde entón leva atendido en toda Galicia arredor de 1.600 iniciativas empresariais, o 60% delas impulsadas por mulleres. Por sectores, predominan os servizos, seguidos da hostalaría e de actividades de comercio. A maiores, desde o comezo da Rede, téñense realizado preto de 4.600 titorías e sobre 400 reunións con entidades do territorio, así como case un cento de accións de formación e máis de cen eventos.

Con respecto á provincia de Pontevedra, lévanse atendido preto de 400 proxectos, un 62% deles impulsados por mulleres. Tamén destacan o comercio, os servizos e a hostalaría, por esta orde.

A Rede de polos de emprendemento xa conta con 13  centros activos, co obxecto de xerar riqueza e de fixar poboación especialmente no noso rural.  A previsión é acadar os 15 Polos en toda Galicia. Nestas oficinas préstase apoio e asesoramento ás persoas emprendedoras en calquera fase en que se atopen os seus proxectos.

Remuda xeracional

O secretario xeral de Apoio ao Emprego recordou tamén que a Xunta está a impulsar un Plan de remuda no marco da Rede de polos, para garantir a continuidade de negocios. Así, a través dunha web e co acompañamento continuado do persoal técnico destes centros, xa se teñen interesado case un cento de iniciativas, para mediante a venda ou o aluguer, dar paso a novas persoas interesadas en facerse cargo das empresas e asegurar o mantemento do tecido produtivo galego.

Nos próximos meses acompañarase este Plan dunha orde de axudas para impulsar os procesos de remuda xeracional, dirixida a financiar parte dos gastos aboados en concepto de traspaso polas persoas que collan os negocios.

Esta orde forma parte do orzamento deste ano da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para darlle un pulo ao emprendemento, que se incrementa nun 51,6% con respecto ao 2023, ata acadar os 30,6 millóns de euros en total. Máis aló dos investimentos, implementarase tamén a Estratexia galega de emprendemento, cun impulso coordinado con todos os axentes implicados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2024