Portos de Galicia outorga autorización para a ocupación dos locais de deportes náuticos e remo de Cangas e Vilaxoán

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2024

Portos de Galicia vén de outorgar autorización para a ocupación dos locais de deportes náuticos e adestramento de remo nos portos de Cangas e Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa). Trátase de sendas autorizacións aos concellos destas dúas localidades costeiras para o desenvolvemento de actividade en ambas instalacións situadas en dominio público portuario.

No caso de Cangas, o edificio acolle actividades de formación en deportes náuticos e almacenaxe de embarcacións. Polo que respecta ao inmoble de Vilaxoán, está destinado a adestramento de remo e é tamén almacén de embarcacións. En ambos os casos, as autorizacións estarán vixentes por un prazo máximo de 4 anos ou ata que se outorgue a concesión administrativa para esta actividade.

Con estas autorizacións, Portos de Galicia dá cobertura ao desenvolvemento de actividade en ambos locais durante o período de tramitación das novas concesións solicitadas por sendas administracións locais para prorrogar a actividade que se viña desenvolvendo nos inmobles e cuxo prazo de concesión inicial está vencido.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 10/04/2024