Rivo visita o Galicia Fórum Gastronómico para pór en valor a calidade dos produtos e servizos da economía social da comunidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, percorreu o recinto feiral no que diferentes departamentos da Xunta contan con expositores para dar a coñecer a excelencia da gastronomía galega e o bo facer dos produtores

A Coruña, 9 de abril de 2024

A conselleira en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe o Galicia Fórum Gastronómico, onde o seu departamento conta cun expositor para promocionar as fórmulas da economía social para o emprendemento e dar a coñecer os seus produtos e servizos. 

Rivo realizou un percorrido polo que se ten convertido no maior evento gastronómico do norte de España que conta con máis de 200 expositores. Convidou aos asistentes a coñecer o traballo de oito cooperativas presentes este ano no espazo da economía social, onde promocionan produtos cárnicos (Tres Fuciños e Verín Biocoop), hortofrutícolas (Milhulloa e Terras da Mariña), lácteos e derivados (Productores del Campo de Capela e Gaia), vitivinícolas (Bodegas Eidosela) ou salsas (A Factoría do Lume).  Como destacou, “o cooperativismo está a facer un labor fundamental na fixación de poboación no rural”. 

O Fórum constitúe un dos mellores escaparates para a promoción das empresas da economía social, entidades con gran presenza na comunidade que manteñen un compromiso real co emprego igualitario e de calidade e co territorio.

A Xunta de Galicia está presente neste evento con outros espazos propios nos que, por exemplo, a Consellería do Medio Rural acubilla unha trintena de empresas que amosan as súas producións de calidade (produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida, agricultura ecolóxica e a recente certificación de Artesanía Alimentaria) ou a Consellería do Mar achega o sabor de peixes e mariscos ao público en xeral e profesional. 

A Xunta de Galicia mantén un firme compromiso cos seus produtores, pequenos e grandes, cooperativistas, pemes e autónomos. Nun foro coma este, quere poñer en valor a calidade dos produtos que ofrece a súa terra e o mar. 

Rivo quixo poñer en valor, coa súa visita, o bo facer dos profesionais que con esforzo e creatividade están a innovar, desenvolvendo e/ou consolidando proxectos que contribúen ao prestixio exterior da comunidade e ao seu crecemento económico. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/04/2024