A Axencia Galega da Calidade Alimentaria iniciou 16 proxectos europeos en 5 anos, ligados a sectores clave para o rural, aos que se destinaron un total de 131 M€

No período 2019-2024, a Xunta estivo presente en destacadas iniciativas comunitarias dirixidas a sectores estratéxicos como o lácteo, a carne, o forestal ou o viño, dentro da aposta do Goberno autonómico pola investigación no agroforestal

A Axencia foi beneficiaria de 3,34 millóns para desenvolver os traballos relacionados con estes proxectos para favorecer á transferencia de coñecementos cara eidos produtivos de especial relevancia en Galicia

O principal proxecto activo é AgriFoodTEF, que traballa nunha rede de infraestruturas de proba e validación en Europa, apoiando ás empresas tecnolóxicas agroalimentarias no emprego de IA e robótica en sistemas de produción reais

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2024

A Xunta aposta pola investigación no eido agroforestal e, por iso, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural participa en ata 16 proxectos europeos iniciados no período 2019-2024. Para levalos a cabo, a Axencia foi beneficiaria en convocatorias de concorrencia competitiva con algo máis de 3,34 millóns de euros para o desenvolvemento destas investigacións que, no conxunto comunitario, contan cun investimento global de case 131 millóns de euros.

A Axencia está á vangarda en todo tipo de iniciativas de colaboración con entidades punteiras a nivel europeo en ámbitos fundamentais para sectores como o lácteo, o da produción de carne, o forestal ou o vitivinícola e, por iso, vén de rematar sete proxectos de investigación nos últimos cinco anos e segue inmersa noutro 9, que teñen vixencia de ata o 2027.

Un dos proxectos máis destacados é AgriFoodTEF-Test and Experiment Facilities for the Agri-Food Domain, no que a Axencia dispón dun orzamento de case 890.000 euros dos 60 millóns cos que contan en total as 35 entidades participantes de nove países europeos. Nesta iniciativa de innovación, iniciada no 2023 con previsión de rematar no 2027, trabállase nunha rede de infraestruturas de proba e validación en Europa que apoia ás empresas tecnolóxicas agroalimentarias para desenvolver, preto delas, produtos con solucións de Intelixencia Artificial e robótica en sistemas de produción reais.

O seu obxectivo xeral é pechar a fenda entre a excelente investigación nestes campos e os produtos reais que apoian unha agricultura eficiente e sostible, ao mesmo tempo que cumpran os estritos requisitos económicos e de empregabilidade dos seus usuarios finais. A Axencia, a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, en colaboración con Gradiant e DataLife, é o núcleo da parte galega coa posta en marcha de servizos orientados á produción láctea a través de, por exemplo, a alimentación de precisión ou da medición de gases de efecto invernadoiro.

Outros traballos de investigación en curso

A participación da Axencia destaca tamén no proxecto LIFE SILFORE-Towards the conservation and management of resilient agroforestry systems through silvopastoralism, cun orzamento de 325.000 euros e que se levará a cabo ata o ano 2027. Esta iniciativa busca potenciar prácticas silvopastorais, como o control da biomasa pirofítica, que poden converterse nunha oportunidade para que os propietarios da terra manteñan a rendibilidade das plantacións, ao mesmo tempo que se diversifica a súa economía, conduce á conservación da biodiversidade que garante a multifuncionalidade dos bosques e mellora a provisión de bens e servizos.

Ademais, o persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria traballa na iniciativa LIFE CARBON FARMING, que conta cun orzamento total de 6,6 millóns de euros. O principal obxectivo deste proxecto é reducir a pegada de carbono dos produtos agrícolas nun 15% nun prazo de seis anos.

Tamén hai que poñer en valor proxectos como Climate Neutral Farms, centrado en reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro; Nutritive, enfocada en desenvolver unha ferramenta de toma de decisións para definir as estratexias máis eficientes en xestión do esterco; Exportplus, concibido como un sistema de apoio á internacionalización das Pemes agroalimentarias; Reinforce 2, que aportará solucións para anticipar os efectos do cambio climático nos bosques costeiros; ou a iniciativa COOPTREE, que avanza na procura da cooperación para a conservación e resiliencia dos bosques do sueste europeo.

Este ano prevese o remate de ForManRisk – Forest Management and Natural Risks, un proxecto que fomenta a organización de eventos de formación e intercambio de experiencias co desenvolvemento de novas ferramentas de xestión de riscos ó tempo que optimiza a concienciación territorial dos interesados e cataliza a multiplicación de novos estándares de xestión no espazo de colaboración.

Proxectos rematados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria dende 2019

Nos últimos anos rematáronse proxectos como Dairy4Future-Propagating innovations for more resilient dairy farming in Atlantic Area, que foi apoiado con 330.000 euros para a Axencia e rematou no 2019. Enfocouse ao sector lácteo, dirixido a produtores, industria, distribución e consumidores, con ferramentas de análises de fácil comprensión e execución que relacionasen a eficiencia produtiva e económica coa preservación do medio ambiente.

 

Outro dos finalizados, concretamente no 2022, é SmartAgriHubs, para o que se destinou algo máis de 22 millóns entre as 164 entidades participantes. O seu principal obxectivo foi a creación dunha rede de centros de innovación dixital (CID) para impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais por parte do sector, consolidando, activando e ampliando o ecosistema existente.

 

Innovación en sectores de importancia para a economía galega

Os proxectos de investigación dos que forma parte a Axencia Galega da Calidade Alimentaria favorecen a innovación dentro de sectores de suma importancia para a economía de Galicia. Todas as innovacións que se poidan transferir a eles como resultado destes iniciativas, repercuten favorablemente para a súa rendibilidade e competitividade. Deste xeito, tamén se contribúe á continuidade destes sectores ao mesmo tempo que se fixa poboación nas áreas rurais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/04/2024