A Xunta lembra no Senado os compromisos do Goberno central pendentes con Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, participou na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas no Senado, na que se debateu un informe sobre o contido autonómico da Lei Orgánica da amnistía

Madrid, 8 de abril de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, destacou hoxe en representación da Xunta na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas no Senado os compromisos que o Goberno central desatende en Galicia como a gratuidade da AP-9  ou o retraso dos trens Avril e lembrou que a comunidade galega “non quere ser máis que ninguén pero tampouco menos”.

Ademais, incidiu en que o Executivo central non está facilitando o futuro ás electrointensivas e os obstáculos para que a cadea mar-industria en Galicia poida ter a súa propia normativa, ao negarse ao diálogo e presentar un recurso á norma.

Así advertiu das desigualdades entre territorios por decisións bilaterais, no marco da actual proposición da Lei Orgánica da amnistía para a normalización, institucional, política e social en Cataluña, da que hoxe precisamente se debateu un informe sobre o seu contido autonómico coa participación de representantes das distintas comunidades autónomas.

No que se refire ao financiamento autonómico, “Galicia non quere ser máis que ninguén pero tampouco menos” para garantir a igualdade de trato de todas as comunidades no acceso ao financiamento. Nesta liña, incidiu en que a posible condonación da débeda de máis de 16.000 millóns de euros a Cataluña “lle custaría 400 euros a cada galego e galega”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/04/2024