A Xunta destaca o apoio aos produtos alimentarios de calidade diferenciada amparados por selos coma a DOP Queixo de San Simón da Costa

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, estivo presente esta tarde no pregón da XVIII edición da Festa do Queixo de San Simón, que se está a celebrar esta fin de semana no concello lucense de Vilalba

A Xunta aposta pola promoción dos alimentos con calidade diferencia e por iso, neste 2024, destinará 9,5 millóns de euros para o Plan anual de promoción para aumentar o posicionamento nos mercados dos produtos alimentarios galegos

Ademais, o Goberno autonómico conta con dúas liñas de axuda, dotadas con case 619.000 euros, destinadas para que os consellos reguladores desenvolvan programas de control de calidade e á incorporación de agricultores en réximes de calidade

Vilalba (Lugo), 6 de abril de 2024.- O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, José Luis Cabarcos, estivo presente hoxe no pregón da XVIII Festa do Queixo San Simón, que se celebra esta fin de semana no concello lucense de Vilalba para enxalzar este produto amparado por unha denominación de orixe protexida (DOP) e de importancia para este sector galego.

No marco desta celebración, Cabarcos puxo en valor a potencialidade do sector agroalimentario galego, de gran calidade e recoñecido con numerosas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, como é a DOP Queixo de San Simón da Costa. Galicia conta con 36 destes selos de calidade diferenciada, aos que se lle suman Agricultura Ecolóxica e Artesanía Alimentaria, para confeccionar as experiencias de calidade que inclúen estes produtos.

A Xunta, dentro da súa aposta pola promoción dos alimentos de calidade diferenciada, destinará neste mesmo ano 9,5 millóns para aumentar o seu posicionamento nos mercados, a través dun potente Plan anual de promoción. A súa finalidade é mellorar os prezos dos mesmos para que os produtores poidan garantir a viabilidade das súas explotacións e garantir así a sustentabilidade económica de todos os elos da cadea de valor do sector alimentario galego.

O Plan de promoción inclúe actividades de carácter institucional, campañas en medios de comunicación -como a realizada o pasado ano en concreto cos catro queixos con DOP de Galicia-, organización de catas e concursos, xestións de liñas de axudas e impulso de accións de mercado, como a participación en feiras e outros eventos comerciais; así como en mercados singulares e outro tipo de circuítos curtos de comercialización, entre os que destaca o Come Local nos comedores escolares.

Axudas para a calidade diferenciada

No compromiso coa potenciación destes selos de calidade diferenciada, recentemente a Xunta lanzou dúas novas convocatorias de axudas ligadas ás producións agroalimentarias galegas, co fin de fomentar a súa calidade, cun orzamento total de case 619.000 euros.

 

Unha das liñas, dotada con case 340.000 euros, está dirixida aos Consellos Reguladores (CCRR), destinada a financiar actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos amparados por algunha denominación de calidade. O prazo para solicitar estas axudas está aberto ata o día 29 de abril.

Por outra banda, a segunda liña de axudas, dotada cun investimento de 279.000 euros, céntrase en impulsar que os titulares de explotacións agrarias se incorporen aos diferentes réximes de calidade que representan as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas ou a produción ecolóxica. O seu obxectivo é cubrir nos primeiros anos os custes derivados desta incorporación. Neste caso, o prazo para poder solicitalas está aberto ata o 27 de maio.

Estratexia sectorial do sector láteo

Ademais da potenciación do produto final a través da súa promoción, a Xunta traballa tamén a prol do sector láteo cunha estratexia de dinamización específica, que esta dar os seus froitos. Entre os avances rexistrados, atópanse os cursos de formación empresarial para os gandeiros que se están impartindo en diferentes puntos de Galicia.

Tamén, dentro da Estratexia de dinamización do sector lácteo, púxose en marcha a aplicación informática “Contaláctea”, que lle permite aos gandeiros calcular os custos de produción e lles facilita unha mellor xestión das súas explotacións.

A maiores e na liña de favorecer o crecemento dos diferentes produtos elaborados con leite en Galicia, este plan estratéxico fixouse o obxectivo de acadar o 75% de transformación no horizonte de 2025 e, por iso, a Xunta está a traballar para acadalo contando xa hoxe coa industrialización de máis do 63% do leite producido na comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/04/2024